Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

PERMISOS LABORAIS NAS ELECCIÓNS XERAIS, MUNICIPAIS E EUROPEAS DE 2019

05 Abr 2019

Esta información aplícase tamén ao persoal funcionario ou estatutario ao servizo das administracións públicas

De cara ás vindeiras xornadas electorais do 28 de abril de 2019 (eleccións xerais) e 26 de maio de 2019 (eleccións municipais e europeas), elaboramos este breve documento para explicar os permisos a que teñen dereito as persoas traballadoras por conta allea. Agardamos que sexa de utilidade.

Nesta materia, o termo “persoas traballadoras” aplícase tamén ao persoal funcionario ou estatutario ao servizo das administracións públicas. No noso país, a administración competente para a execución da materia laboral é a Xunta de Galiza. Con ocasión de cada convocatoria electoral, a Consellaría de Emprego dita unha orde que concreta as medidas para facilitar o dereito a voto das persoas traballadoras, nos mesmos termos que con carácter básico regula o artigo 13 do Real Decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais. As ordes correspondentes aos procesos electorais de 2019 aínda non foron publicadas no DOG, mais o seu contido adoita ser sempre o mesmo. Por exemplo, esta orde é a correspondente ás eleccións xerais do 20 de decembro de 2015.
Que permisos me corresponden para ir votar?
· Se o horario de traballo non cadra co de apertura dos colexios electorais ou só cadra en menos de dúas horas: non tes dereito a permiso retribuído.
· Se o horario de traballo cadra entre dúas e menos de catro horas co de apertura dos colexios electorais: tes dereito a un permiso retribuído de dúas horas.
· Se o horario de traballo cadra entre catro e menos de seis horas co de apertura dos colexios electorais: tes dereito a un permiso retribuído de tres horas.
· Se o horario de traballo cadra en seis ou máis horas co de apertura dos colexios electorais: tes dereito a un permiso retribuído de catro horas.
En todos os supostos anteriores, cando se trate de persoas contratadas a tempo parcial, a duración do permiso antes sinalado reducirase proporcionalmente. Corresponde á empresa a distribución, segundo a organización do traballo, do momento en que as persoas traballadoras farán uso do permiso para iren votar.  As persoas traballadoras que realicen o seu traballo fóra do domicilio habitual, ou ben en condicións de especial dificultade para votaren, teñen os mesmos permisos que acabamos de indicar, mais non para votar o día das eleccións, senón para formularen persoalmente a solicitude de certificación acreditativa da súa inscrición no censo electoral e remitiren o voto por correo.
E se son membro dunha mesa electoral?
Se vas como presidente/a, vogal ou interventor/a a unha mesa electoral, tes dereito durante o día da votación a un permiso retribuído de xornada completa, se ese día non descansas. Ademais, tes dereito a unha redución da túa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior. Se vas como apoderado/a, tes dereito ao permiso retribuído o día da votación, pero non á redución de xornada do día seguinte. Mudanzas de quenda: Se o presidente, vogal, interventor ou apoderado ten que traballar na quenda de noite na data inmediatamente anterior á xornada electoral –isto é, a noite do sábado–, a empresa deberá mudarlle a quenda se así o solicita.
E se me presento eu ás eleccións?
O persoal ao servizo das administracións públicas (laboral, funcionario ou estatutario) que se presente como candidato ás eleccións poderá, previa solicitude, ser dispensado do traballo durante o tempo de duración da campaña electoral. Este dereito aparece recollido no artigo 13.5 do Real Decreto 605/1999, de 16 de abril, antes mencionado. Non existe un permiso equivalente para o persoal do sector privado.

Volver