Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Os/as policías locais de Verín presentan reclamación sobre a recualificación dos postos de traballo

01 Xun 2009

Solicitan ao alcalde que inicie un verdadeiro proceso de diálogo para a negociación do novo convenio

Deste xeito, se a finais de xuño ou principios de xullo o alcalde de Verín non ten dado resposta ás pretensións dos policías locais, ou dándoa, “as desestima, a CIG e os traballadores/as procederemos a interpor a correspondente demanda no Xulgado decano do Contencioso Administrativo de Ourense”.

Dende a Unión Local da CIG de Verín salientan os seguintes pontos da reclamación:

1º.- Constátase que a cualificación dos postos de traballo da Policía Local de Verín fíxose incorrectamente, mesmo ao abeiro da RPT, no ano da súa aprobación en 2004.

2º.- Tanto o Concello como a CIG recoñecen que os postos da Policía Local están incorrectamente cualificados. A diferenza entre as dúas institucións radica en que o Concello, simplemente, se nega a arranxar o problema.

3º.- De prosperar as teses da CIG e dos axentes, o alcalde do Concello, ao non querer negociar o asunto, levaría á institución municipal a ter que afrontar as seguintes débedas:

a) 437.416 euros en concepto de Complemento Específico par aos 12 axentes e o sarxento.

b) 34.4261,92 euros en atrasos do Complemento de Destino.

Reclamar diálogo

“Dende a Unión Local da CIG de Verín ofrecemos en múltiplas ocasións a posibilidade de arranxar o problema pola vía da negociación, mesmo, admitindo a perda de parte dos atrasos por parte dos reclamantes e, porén, o alcalde fixo o que sempre fai neste tipo de asuntos: xerar confusión, distraer a atención, atacar persoalmente aos negociadores e impedir a negociación”, critican.

Así as cousas, advirten a toda a cidadanía que, se alguén ten a responsabilidade de gobernar eficazmente e para todos, “ese é o Alcalde do Concello, non somos os sindicatos. E se o señor Alcalde do Concello non reflexiona nin dialoga, logo non se nos impute a responsabilidade que só pertence ao rexedor: gobernar eficientemente”. Dende a Unión Local tamén reiteran que levan meses advertindo que o impacto económico dunha reclamación dos traballadores/as para o Concello podía resultar moi forte, se non se dispuñan os medios axeitados para estabelecer unha negociación e un diálogo xustos.

Ese mesmo tempo, subliñan, “se pasou o señor Alcalde do Concello de Verín, dando largas. Agora, probabelmente recorrerá ao mesmo: a desprestixiar aos responsábeis sindicais e a enfrontar aos traballadores/as cos veciños/as. Mais, a realidade é unha só: pode negociar e dialogar e non o fai, levando ao Concello a un novo proceso xudicial”.

Neste senso lembran que o rexedor local ten un mes (correspondentes ao período de contestación á reclamación, para iniciar un diálogo e negociación seria.

Volver