Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Os traballadores/as da Vidreira de Xinzo rexeitan o plano xudicial concursal instado por BA Glass e presentan unha apelación

16 Feb 2010

A petición deste concurso de acredores podería estar en fraude de lei, segundo denuncian

Un total de setenta e unha persoas, entre traballadores/as e acredores a título individual da empresa Vidrieira do Atlántico, formalizaron un recurso de apelación contra a resolución xudicial do 9 de decembro do 2009, no que se admitía a trámite o concurso voluntario de acredores presentado por esta firma.

Historia deste conflito

Esta iniciativa xudicial detalla a situación e os pasos que foi dando a empresa desde que en xuño do 2008 o grupo BA Vidro SA mercou a empresa ao anterior propietario, Sotranco, para facerse co 100% da sociedade. 

Este longo conflito, segundo se relata no recurso apresentado, ten un dos seus máis salientábeis no verán do 2009 cando a empresa fixou unha proposta de servizos mínimos "que se revela na prática como un peche patronal agochado e ilegal, concebido para dar resposta ao exercicio do dereito de folga por parte dos traballadores e para facer fracasar o intento dos mesmo de efectivizala e realizala".

En novembro do 2009 unha sentenza do Xulgado do Social número 1 declarou nulo o despedimento de dous traballadores por violación do dereito de folga, e seis despois da devandita sentenza, a sociedade instou o concurso de acredores no Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Ourense.

Cambio de imaxe corporativa

Despois da publicación do auto de admisión a trámite do concurso de acredores, os responsábeis da factoría fixeron desaparecer das instalacións os símbolos, logotipos, e sinais de identidade corporativa do grupo BA Vidrio S.A., sendo sustituídos polos da empresa Vidriera del Atlántico S.A., "nun evidente intento de desligar e desconectar a factoría de Xinzo de Limia da dirección única á que veu respostando desque fora mercada no mes de xuño do 2008".

Represión sindical

Diante deste relato dos feitos, o recurso conclúe sinalando que "existe unha evidente relación causa efecto entre o exercicio do dereito de folga e a resposta da empresa: concurso de acredores, pechamento de instalacións, falta de ocupación efectiva, deslocalización e atentado contra a actividade industrial".

Citación aos alcaldes de Xinzo e Baltar

Tamén reclamaron do Xulgado do Mercantill de Ourense, onde se tramita a solicitude de concurso de acredores, que cite a declarar aos alcaldes de Xinzo, Isaac Vila e Baltar, José Antonio Feijóo Alonso, pola entrevista que mantiveron co responsábel de BA Glass, un encontro no que este inculpou do inminente peche da factoría á actitude do comité de empresa.

 

Volver