Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Os policías locais de Verín deixarán de realizar horas extraordinarias a partir do luns 29 de xuño

29 Xun 2009

Acordaron adiantar o inicio da medida ante as “mensaxes de advertencia” do rexedor municipal

Tras o anuncio realizado polos representantes da policía local de Verín, no que atinxe ao prazo conferido ao Alcalde do Concello para retomar as negociacións relativas á fixación dun prezo para as horas extraordinarias; o máximo rexedor municipal, “no canto de convocar á Comisión de Control do Convenio para arranxar o asunto; enviou certas mensaxes de advertencia ao corpo da policía local, na única linguaxe que, cando non lle van as cousas como quere, sabe manexar”, denúnciase dende a CIG de Verín.

“O Alcalde do Concello, non conforme con deixar que o problema se enquiste sen solución, por riba, na súa liña habitual de empregar a demagoxia como contido dos seus argumentos”, lamentou o responsábel da CIG de Verín, Anxo García Torres. A oferta presentada polo rexedor consistía nun incremento do 31% do valor da hora extraordinaria, sen aclarar que, na actualidade, ese prezo está por baixo da hora normal e que ese 31% viría a situar o prezo da hora extra ao mesmo nível que o da hora normal.

Así as cousas, a CIG e os traballadores/as, “en resposta a este tipo de linguaxe improcedente e inútil, decidimos adiantar, ao luns día 29, a decisión de realizar a xornada convencionalmente estabelecida, por parte de todos os policías locais”, sinala García Torres. Xa que logo, dende o luns 29 de xuño o corpo da policía local de Verín, cumprirá coa súa xornada de traballo ordinario e atenderá só aquelas horas extras que se deban realizar, para atender sinistros, catástrofes e continxencias de índole especial e urxente; deixando de efectuar as horas extras derivadas do exceso de xornada.

“O Alcalde do Concello de Verín ten na súa man recompor a normalidade nas relacións laborais, mais para iso debe deixar a un lado a advertencia e demagoxia e convocar a negociación, nos órganos competentes”, subliñan dende a CIG de Verín.

Volver