Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O XULGADO DO CONTENCIOSO Nº 1 D'OURENSE ANULA O CONCURSO PARA A PRIVATIZACIÓN DO SERVIZO DE BOMBEIROS/AS, CONVOCADO POLA DEPUTACIÓN PROVINCIAL

04 Xan 2018

A sentenza foi presentada hoxe por responsábeis da CIG

En rolda de prensa, celebrada hoxe na sede da CIG d'Ourense, varios responsábeis do sindicato presentaron a recén publicada sentenza do xulgado do CA nº 1 d'Ourense, pola que, estimando o recurso contencioso interposto pola Unión Local da CIG de Verín e A Limia, se anulou o Acordo do Consorcio Provincial de Salvamento e Emerxencias d'Ourense, do ano 2016, polo que se convocara o concurso público para a privatización dos parques de bombeiros de Verín, A Limia, Valdeorras e O Carbalhinho.

Tras a disolución dos consorcios comarcais dos bombeiros de Verín, A Limia e Valdeorras e a súa integración no constituído Consorcio Provincial de Salvamento e Emerxencias, a Deputación d'Ourense, impulsora do citado ente, decidiu privatizar o servizo unificado de bombeiros e, tras o procedimento de concurso público correspondente, acordou a súa adxudicación á empresa privada VEICAR.

A UL da CIG de Verín e A Limia, analizados os pregos de cláusulas do concurso, considerou, no seu día, que a convocante incorría, polo menos, en dous defectos que podía tornar nulo o procedimento: a) falta de negociación cos representantes dos trabalhadores/as dos consorcios comarcais absorvidos b) posíbel cesión ilegal de trabalhadores/as ou grupo patolóxico de empresas, ao entender que o empregador real dos trabalhadores/as era o proprio Consorcio Provincial e non a futura empresa adxudicataria do servizo.

O titular do xulgado do CA nº 1 de Ourense, dando a razón á CIG, ven de declarar nula a convocatoria do concurso pola falta de negociación denunciada, deixando aberta a posibilidade de instar umha revisión de oficio de actos nulos contra o acordo final de adxudicación do concurso á empresa VEICAR e, mesmo, declarando a existencia de vinculación entre os trabalhadores/as subrogados pola empresa VEICAR e o Consorcio Provincial de Bombeiros d'Ourense.

A Unión Local da CIG de Verín anunciou, logo de explicar a resolución xudicial, que vai dar os seguintes pasos:

a) Solicitará umha reunión coa Deputación Provincial d'Ourense pra tentar pechar un acordo extraprocesual, previo reconhecimento da condición de trabalhadores/as do Consorcio dos bombeiros/as contratados pola empresa adxudicataria.

b) Analizará a posibilidade, para o caso de que non prospere a saída negociada, de instar a nulidade da adxudicación do concurso e, asemade, de formular reclamación de cesión ilegal dos trabalhadores/as, con reconhecimento do dereito dos bombeiros/as contratados por VEICAR á estabelecer as súas relacións laborais co ente consorcial ourenseao.

Dende a CIG consideramos que sería razoábel e moi beneficioso para a cidadanía ourensá e, mesmo, para a do resto da Galiza que a Deputación d'Ourense se avinhese a negociar umha saída pactada a este asunto e, mesmo, que recapacitase e recuperase para o ámbito público un servizo esencial que nunca debeu ser privatizado.

Volver