Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O Xulgado condena a Vidreira do Atlántico a readmitir a dous traballadores por violar o seu dereito de folga

01 Dec 2009

A sentenza tamén obriga a empresa limiá a indemnizar a cada un dos operarios con 1.500 euros

“As prácticas vulneradoras dos dereitos fundamentais, levadas a cabo pola Dirección do Grupo BA, por fin foron detectadas e sancionadas pola xustiza”, subliña o responsábel da CIG de Verín, Anxo García Torres.

De feito, a sentenza número 790/09 recolle que: "En definitiva, ao non ter probado a empresa unha xustificación obxectiva e razoábel, debidamente acreditada do despedimento dos actores, estes deben considerarse nulos, por vulnerar o seu dereito de folga, ao deberse entender como unha represalia polo simple feito de participar nunha das cornadas de folga convocadas na empresa... o que determina que deba condenarse á empresa Vidreira do Atlántico, S.A. a que os readmita no seu posto de traballo e lles abone os salarios deixados de percibir, así como que os indemnice polos danos morais sufridos na cantidade de 1.500 euros a cada un deles”.

García Torres engade que “hai moito tempo que os directivos da Vidreira do Atlántico, S.A. tiñan que ter sido sancionados e corrixidos pola xustiza e, mesmo, pola Administración Autonómica polas súas prácticas de aproveitamento integral das persoas e recursos da factoría limiá; mais, infelizmente, as cousas chegaron a onde chegaron pola lentitude do sistema xudicial e polo deixamento de funcións de órganos da administración autonómica, como a  Delegación Territorial da Xunta de Galiza en Ourense”.

Concentración de "benvida"

En todo caso, dende a CIG felicítase ao Comité de Empresa, aos traballadores readmitidos e ao cadro de persoal en xeral, pola forza, cohesión e exemplo que dende hai meses veñen dando fronte ao abuso e a manipulación “dunha patronal especulativa que, agora, é posta no seu sitio e condenada, por ter violado os dereitos fundamentais dos traballadores/as”.

Igualmente, o día no que se faga efectiva a readmisión de ambos operarios, a CIG organizará unha concentración de traballadores e traballadoras na porta da fábrica para recibir e saudar a dúas persoas que nunca deberon ser despedidas por exercer os seus dereitos.

Próxima asemblea de traballadores/as

Diante da reiterada violación de dereitos e da persistencia da empresa en contravir outros principios como o de liberdade sindical, negándose a negociar unha solución ao conflito, a CIG convocará proximamente unha Asemblea Xeral de Traballadores da Vidreira do Atlántico, S.A., co gallo de planificar as novas accións sindicais e xudiciais a emprender en defensa do que é xusto: os dereitos dos traballadores e traballadoras

Volver