Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O V Congreso da CIG de Ourense re-elixe a Etelvino Blanco como secretario comarcal

17 Xan 2010

Conseguiuse candidatura de consenso para o Consello Confederal e a Executiva Comarcal

Este V Congreso comezaba pasadas as dez e cuarto da mañá, no Local Sindical de Ourense, no Parque de San Lázaro. Saudaba aos e ás congresistas o secretario comarcal de Organización da CIG, Antolín Fernández, que deu a benvida en nome da Executiva comarcal ás persoas alí presentes, despois do que se cantou a Internacional.

De seguido explicouse o regulamento deste Congreso comarcal, que non tivo ningunha emenda e que foi aprobado por unanimidade.

Presentación de informes

Etelvino Blanco, secretario comarcal saínte, explicou o contido dos informes que se achegaban para o debate neste Congreso: un informe socio-laboral, un informe da acción sindical e un de análise da situación organizativa.

Comezou sinalando que "neste período de tempo vivimos momentos de esperanza co cambio de goberno na Xunta, agardando unha mudanza real que supuxese unha mellora estrutural na situación de Galiza e da súa clase traballadora, pero esta non se produciu na medida en que todos desexariamos".

Contexto político actual

Sobre o actual contexto político, continuou salientando que "agora nos atopamos de novo gobernados pola dereita que está a facer a súa política de sempre, consistente no recorte de dereitos ás traballadoras e traballadores para beneficiar as empresarias e empresarios, privatizacións para lucro dos sectores económicos, acoso aos nosos símbolos de identidade como a lingua, e perda de protección social en detrimento dos máis débiles, é dicir, un goberno para os máis poderosos votado polos máis febles para actuar contra nós".

Conflito lingüístico

"A lingua está a ser a punta de lanza do recorte máis miserábel do símbolo que nos identifica como pobo, como nación, que é o galego", e fixo referencia á convocatoria de folga xeral no ensino e realizou un chamamento a participar "todas/os os que podemos na manifestación que sairá ás 11.30 da Alameda de Compostela", para o que desde a CIG teñen preparado o transporte en autobuses de balde para esa xornada.

"Máis que un decreto do 33% do galego parece un decreto do goberno do ano 1939", insistiu Blanco.

A crise económica e a súa influencia en Ourense

A crise económica mundial e súa influencia na crise estrutural e permanente de Ourense, polo seu subdesenvolvemento, foi outro dos temas analizados, xa que provocou unha maior emigración, como válvula de escape para mozos e mozas que non atopan traballo nesta comarca.

O aumento récord das cifras do paro, a suba alarmante da cantidade dos ERE"s, dánse sobre nos sectores da Construción, Madeira, Téxtil e Servizos, nos que houbo unha maior destrución do emprego. Tamén houbo neste último período un aumento das empresas que entraron en concurso de acredores.

Peche de empresas

Neste proceso pecharon as súas portas numerosas empresas comarcais sendo "Chao Escudero", "Gwendoline", "Perfeutiño", "Fleming Moda", "Maconsi", "Comoldes", "Modas Manzaneda Téxtil" e "Hispano-lusa CIA Tecnolóxica de Edificación", as máis significativas, debido a que durante moitos anos mantiveron moitos empregos. Trátase de pequenas empresas, pero son as que conforman o tecido industrial en Ourense, que está representado por 12.103 empresas que carecen de persoas asalariadas, 10.168 cun cadro de persoal de menos de 10 persoas e 990 cun cadro de persoal de máis de 10 persoas.

Os anos de beneficios empresariais tampouco serviron para mellorar o grave problema do elevado volume de temporalidade na contratación que afecta nesta provincia ao 40% do persoal asalariado e que nos últimos anos acadan porcentaxes do 92% dos contratos feitos. O abuso na contratación temporal sen causa afecta en maior medida ás mulleres e é máis acusada entre as mozas e mozos. Esta precariedade está facilitando agora que as empresas se desfagan do persoal con suma facilidade e sen ter que abonar apenas indemnizacións polo despedimento individual ou por expedientes de regulación do cadro.

Tamén se caracterizou este período polos intentos do empresariado de reducir os salarios e a capacidade de poder adquisitivo para manter os beneficios de exercicios anteriores e cargando sobre as costas dos traballadores as consecuencias da crise e, deste modo, ademais dos axustes no emprego procedeuse a conxelar os incrementos ou ofrecer míseras subas salariais.

Tampouco foi distinto o trato das distintas Administracións, central e autonómica, con respecto a Ourense. Boas palabras que falaban de trato especial para esta comarca pero "quedou todo en propaganda".

Outro dos problemas cos que se encontra Ourense é a perda de poboación e o avellentamento da mesma.

Seguridade e Saúde Laboral

Respecto á seguridade e saúde laboral, a pesares da abundante lexislación da cada vez maior intervención das partes implicadas, e da inmensa e incalculábel cantidade de cartos públicos que se destinan ás políticas preventivas, o número total de accidentes de traballo segue mantendo unha liña ascendente ano tras ano.

Unicamente pódese salientar este pasado ano 2009 como exemplo dunha redución significativa dos datos de sinistralidade, se ben non se pode establecer con certeza o impacto que o incremento do paro e os ERE"s tiveron neste descenso.

Negociación colectiva

No informe de acción sindical analizouse a negociación colectiva na comarca e a influencia da crise na mesma, xa que "a alta precariedade e a perda de emprego como consecuencia da crise e da situación de subdesenvolvemento que sofre esta provincia ten sido determinante para que os traballadores e traballadoras se atopan máis pendentes de manter o posto de traballo que as condicións do mesmo".

Durante este último ano unha loita puxo de manifesto a alta capacidade de resistencia, de combatividade duns traballadores aos que se lle pretenden reducir as condicións salariais. É a loita que desde hai un ano protagonizan os traballadores da Vidreira do Atlántico de Xinzo e a CIG, que a través de numerosas mobilizacións, folgas e procesos xudiciais responderon á agresión da empresa de suprimir dereitos laborais adquiridos.

Nas loitas pola defensa do emprego tamén destacaron as mobilizacións das traballadoras e traballadores para impedir os abusos da patronal en Ipisa, Mecanizados Rodríguez Fernández, Comoldes, Ataúdes Chao Escudero, en despedimentos individuais na banca, e en Aquagest.

Eleccións sindicais

No proceso electoral celebrado nos anos 2006-2007 na comarca elixíronse 2131 representantes, acadando a CIG 436, o que representa o 20,5%. Produciuse un descenso na UL de Ourense, mentres na UL de Verín continuamos a aumentar en delegados e delegadas e mantense como primeira forza. Asemade prodúcese un espectacular aumento en Valdeorras, acadando a representatividade máxima que houbo nunca nesta zona.

Sobre outros aspectos da organización, salientou o avanzo na formación sindical e profesional, con máis xornadas lectivas e máis participantes, polo que se fixo referencia ao bo traballo realizado desde Forga e Fesga.

A presenza e consolidación do Gabinete Técnico de Saúde Laboral nesta comarca ten resultado tremendamente positiva nestes anos con cursos, asesoramento e xornadas e numerosas actividades neste campo.

Incremento de afiliación

Durante este período de catro anos produciuse un alto incremento de afiliación, cun 59,46% de aumento, cun total de 6.391 afiliados e afiliadas coas cotizacións ao dia no primeiro semestre do ano. Vincúlase este incremento ao acertado da acción sindical neste período, así como da maior introdución social do proxecto sindical da CIG en Ourense e no noso país.

Para finalizar, Etelvino Blanco, realizou unha valoración conxunta destes documentos porque "seguimos sendo a central sindical da comarca con máis actividade e con maior capacidade de mobilización. Somos a organización que dirixe os principais conflitos na defensa dos postos de traballo. Seguimos sendo os que na negociación colectiva temos un sindicalismo que conta coa participación das traballadoras e traballadores como eixo de decisións para acadar mellores convenios e o noso sindicalismo combativo está presente en toda reivindicación social que afecte á clase traballadora e na defensa do noso país, sen hipotecar a nosa acción a intereses empresariais ou do poder".

Loitar para avanzar

"Para afrontar con garantías esa acción sindical combativa temos que mellorar a nosa estrutura organizativa, temos que acadar uns resultados electorais que sexan reflexo da nosa acción sindical e da nosa actividade, temos que seguir aumentando a afiliación e facendo que cada dia se incorporen máis compañeiras e compañeiros a tarefas de dirección nas federacións e na confederación, dedicar máis tempo á formación de cadros, acadando a imprescindíbel renovación nos mesmos. Temos, en definitiva, que promover cambios para avanzar máis, e temos que loitar para avanzar", concluiu o secretario comarcal da CIG de Ourense.

Aprobación do informe

Despois dunha quenda de intervencións sobre estes documentos, pasouse á votación. Os informes quedaron aprobados con 156 votos a favor, 3 en contra e 4 abstencións.

De seguido, escolleuse a Mesa Presidencial do V Congreso da comarca da CIG de Ourense, que deu paso á presentación da candidatura de consenso á que se chegou nos distintos organismos, e que foron presentadas por Etelvino Blanco.

Resultado das votacións

O resultado das votacións foi para a candidatura do Consello Confederal 167 votos, e 7 en branco; a lista da Executiva comarcal obtivo 170 votos, 4 en branco e 1 voto nulo; e a candidatura de Secretario comarcal, á que optaba de novo, Etelvino Blanco, obtivo 170 votos a favor e 5 en branco.

As persoas que representarán á comarca de Ourense no Consello Confederal serán Luis Ferreiro, Francisco Moral, Xosé Ramón González, Alfonso Diz e Belen Martínez.

A Executiva comarcal estará composta por oito persoas que son: Etelvino Blanco, Belen Martínez, Alfonso Diz, Natividad Álvarez, Luis Ferreiro, Zeltia Burgos, Xosé Manuel Alonso e Plácido Valencia.

Acto de clausura

No peche deste V Congreso, e despois de darse a coñecer estes resultados, Etelvino Blanco dirixiuse ás persoas alí presentes, congresistas e convidadas/os, para amosar a súa satisfacción por este proceso xa que "é un congreso de unidade que demostra que estamos máis preparados que nunca para afrontar todos os problemas".

Blanco agradeceu a todos os compañeiros que desde ese sábado deixaban de formar parte da Executiva Comarcal "pola súa dedicación e honradez" neste período, polo que "merecen o noso apoio e agradecemento, xa que ningún puxo problema para ser renovados polo ben da organización".

Mención especial para Virxinia Cortiñas

O reelixido secretario comarcal de Ourense realizou na súa intervención unha mención especial para unha desas persoas que deixaba a executiva deste proceso, e foron unhas palabras especialmente emotivas adicadas para a secretaria comarcal de Finanzas da CIG de Ourense nos últimos catro anos que "entrou no sindicalismo nacionalista cando era moi nova,  foi unha das poucas mulleres da dirección, e foi unha todo-terreo que tivemos todos estes anos, que tanto collia o teléfono, como abria ou pechaba o local, corrixiame a min e é unha sindicalista imprescindíbel nesta comarca".

Consenso, renovación e plural

Blanco presentaba asi esta nova Executiva que "recolle consenso, supón renovación e é plural".

"Os inmigos da CIG está fora, aqui non hai vencedores nin vendidos, non hai goberno nin oposición e temos que ser unha piña para darlle continuidade a este proxecto. Cando haxa un conflito nun sector ou empresa todos temos que responder a unha, porque ese é o noso compromiso", engadia.

Sobre o contexto, insistiu en que "agardannos 4 anos moi duros de traballo sindical porque esta crise non queda aí, porque o sistema capitalista sempre quere máis e todo vai vir a costa nosa, das traballadoras e traballadores. Para combater esta situación fai falta unha organización forte".

Intervención de Elvira Patiño

Elvira Patiño, secretaria confederal de Organización da CIG, interveu en nome da Executiva Confederal da CIG para saudar este V Congreso, quen deu as grazas por "chegar a acordos para seguir crecendo".

"Están argallando unha nova reforma laboral, polo que é preciso mobilizarse para que a crise non a paguen os traballadoras/es e contra a perda de dereitos" e é que "imos vivir momentos duros polo goberno do PP, porque queren desfacer o tecido e rede de servizos sociais, privatizar os servizos públicos, e o PP ten fobia ao galego, porque queren que o galego sexa unha língua de museo", salientou Patiño.

A secretaria confederal de Organización da CIG identificou como traballo principal as eleccións sindicais, xa que o período forte que comeza en setembro, e hai que programar este período e organizarse para ser a primeira forza sindical do noso país".

Galeria gráfica do V Congreso da CIG de Ourense

 

Volver