Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O Tribunal Superior de Xustiza declara nulo o despedimento dunha traballadora do Concello de Rairiz de Veiga

30 Xul 2009

A sentenza vén revogar a resolución do Social 1 de Ourense na que se declaraba o cesamento improcedente

O alto Tribunal Galego, dándolle á razón á traballadora, revogou a resolución do xuíz do social nº 1 de Ourense e declarou “nulo radicalmente” o despedimento do que fora obxecto a operaria en xullo do 2008, efectuado, en violación dos seus dereitos fundamentais.

Esta sentenza súmase as múltiples resolucións xudiciais que condenan ao Concello de Rairiz da Veiga, polas accións do seu alcalde, sen que, tras máis de 15 resolucións xudiciais de condena, “ninguén teña tomado cartas no asunto, nin dende o prisma administrativo, nin dende o prisma político. Semella que, neste País, só cando xa non hai remedio, as institucións e os partidos políticos se pronuncian sobre condutas como a que aquí se está a denunciar”, critica o responsábel da Unión Local, Anxo García Torres.

Neste senso, afirma que “non é presentábel” que un alcalde teña recibido máis de 15 condenas e nin os órganos competentes do Estado, nin a súa organización política teña adoptado medidas correctoras. “Esiximos dende a CIG tanto ao Estado, como a organización política que sustenta ao Alcalde que se abra expediente, investigue e, no seu caso, que se depuren as responsabilidades políticas e administrativas que o señor alcalde do Concello de Rairiz ten, ao estar abocando ao seu Concello a unha moi difícil situación económica, patrimonial e institucional”, reclamou García Torres.

Así mesmo, dende a CIG aínda se agarda a querela anunciada polo rexedor local, como resposta á mobilización desenvolvida polo sindicato hai unhas semanas, en protesta pola situación que está a padecer un dos traballadores do Concello.

Volver