Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O Supremo estabelece a condición de fixos-descontinuos dos traballadores de Seaga con contratos sucesivos na empresa pública

05 Out 2011

O alto tribunal estima, deste xeito, a demanda formulada pola CIG de Verín

A transcendencia desta resolución do Tribunal Supremo Español vén dada, segundo estima a CIG, por catro cuestións que han ter grande relevancia no futuro das relacións laborais dos operarios/as da empresa pública de prevención e extinción de incendios SEAGA:

1ª.- A sentenza é firme ao tratarse da última instancia xudicial do Estado.

2ª.- Trátase dunha resolución que unifica a doutrina dos Tribunais Superiores de Xustiza e, consecuentemente, será de aplicación en todo o Estado Español a supostos semellantes.

3ª.-  Abre a porta a centos de traballadores/as de SEAGA a reclamar a súa condicións de Indefinidos Descontinuos.

4ª.- Pon na picota a política de precarización laboral, imposta pola Consellaría de Medio Rural aos operarios/as do sector forestal e, por extensión, cuestiona a eficacia dos operativos de defensa contra incendios da Xunta de Galiza, tal e como se está a comprobar estes días en comarcas como a de Monterrei.

A CIG, convocará, na provincia de Ourense e, con todo seguridade, no resto do País, asembleas cos traballadores/as e extraballadores/as da empresa pública SEAGA para informalos desta situación e convidalos a presentar reclamacións contra a empresa, co obxecto de que se recoñeza a tal colectivo o seu dereito a seren fixos descontinuos da SEAGA.

Manuel Anxo García Torres, secretario confederal de Formación para o Emprego sinala que “o recoñecemento da condición de indefinidos descontinuos dá lugar, non só a que os traballadores/as que agora están en activo na empresa SEAGA, poidan reclamar tal indefinición, senón tamén “a que os traballadores/as despedidos no seu momento, pola citada patronal, poidan reclamar por despedimento, cando a empresa faga novas contratacións, sen contar con aqueles operarios/as que tiveran contratos sucesivos e encadeados irregularmente”.

García Torres salienta ademais que “a pretendida eficacia na loita contra o lume, do goberno galego, eslúe como o azucre, ao vir cuestionada non só pola realidade dos feitos que estamos a sufrir estes días, senón tamén pola realidade do descontrol na xestión da Consellaría de Medio Rural que agora se vai ollar abocada a dar solución a unha situación impresentábel que provoca, tanto a desatención dos nosos montes, como a precarización dos dereitos dos traballadores/as forestais”.

A CIG de Verín anima a todos os traballadores/as forestais da SEAGA a que se informen sobre a súa situación laboral, tras a publicación da devandita sentenza do TS e, asemade, convida á cidadanía “a reflexionar sobre as consecuencia da política de xestos, valeira, inoperante e demagóxica do Partido Popular no goberno da Xunta de Galiza”.

Volver