Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O persoal laboral do concello de Xinzo reclama a negociación do convenio colectivo e que se definan as bases de contratación

21 Xul 2008

A CIG presentou unha demanda de tutela do dereito de liberdade sindical e folga

Ademais desta convocatoria de folga a CIG vén de presentar unha demanda en reclamación de tutela dos dereitos fundamentais de liberdade sindical e folga fronte ao concello de Xinzo de Limia.

Na demanda, presentada perante o xulgado decano do Social de Ourense, recóllense casos de vulneración de dereitos contra os delegados sindicais da CIG no concello, aos que se lles denegan non só as horas sindicais senón mesmo o dereito á folga.

Desde o concello xustificouse, de forma reiterada, a negativa ás horas sindicais porque, supostamente, os traballadores/as eran necesarios/as no servizo. Porén, Anxo García, da CIG de Verín, explica que se no canto diso solicitaban vacacións, non había problema algún no servizo para concederllas. O representante da CIG lembra que segundo se recolle no convenio colectivo “cada un dos membros dos órganos de representación, así como o secretario xeral da sección respectiva e os delegados/as de persoal ou sindicais, disporán de 18 horas mensuais para a realización das súas actividades...”.

Convocatoria de folga

A asemblea de traballadores do concello de Xinzo, a sección sindical da CIG na institución municipal e a Comisión Executiva Comarcal da Federación de Administración Pública da CIG acordaron declarar a folga xeral en todos os servizos e dependencias do concello, e cunha duración inicial de dúas horas.

O día 7 de xullo rexistrábase tanto no concello como na Delegación Provincial da Consellaría de Traballo da Xunta de Galiza a declaración de folga, convocada para este martes día 22 de xullo.

O 16 de xullo convocábase unha rolda de prensa para explicar as razóns que levaban á convocatoria da folga. Ese mesmo día o concello de Xinzo comunicaba á CIG, por fax, e en persoa aos membros da sección sindical, a prohibición de dispor do seu cupo horario sindical por "ineludíbeis necesidades do servizo público" e por "abuso de dereito", segundo o concello, por anteceder e seguir os días propostos a unha longa fin de semana que comezaba o 18 de xullo, festa local e coincidente coas festas da Mariña.

A esta negativa a conceder as horas sindicais seguiron outras. Desde a CIG enténdese que o obxectivo era dificultar os preparativos da folga para tratar de impedir o propio acto de folga. Na demanda lémbrase que “a liberdade sindical implica a posibilidade de exercer a acción sindical por todos os medios lícitos, consonte o sentado polo Tribunal Constitucional, sen que o exercicio de tal dereito poida quedar supeditado á concesión unilateral e interesada da Administración.

Ante isto, a CIG entende, e así se subliña na demanda presentada, que a actuación do concello “constitúe a materialización dunha acción limitativa de dereitos, discriminatoria e inxusta a sabendas, derivada da procura de todo tipo de ‘pretextos’ para obstaculizar o exercicio do dereito de folga, limitando o libre uso do crédito horario sindical; disposto para realizar os actos preparatorios de tal acción de presión”.

Así as cousas e á espera de coñecer a sentenza, a folga tivo lugar igualmente entre as 12:30 e as 14:30 horas, con notable éxito, como se pode apreciar nas imaxes.

Volver