Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O persoal laboral do Concello de Verín reclama a constitución do Comité de Seguridade e Saúde

28 Xan 2010

Denuncian que os delegados/as de prevención descoñecen se están realizadas as avaliacións de riscos

A continuación reproducimos o comunicado feito público polo Comité de Empresa laboral do Concello de Verín:

Desde o Comité de Empresa do Concello de Verín, de forma unánime, queremos facer pública a nosa denuncia contra o Sr. Juan Manuel Jiménez Morán, alcalde do consistorio, pala vulneración constante, consciente e premeditada que está a facer dos dereitos dos traballadores deste Concello.

En outubro de 2009, ante a falla de vontade do Alcalde de Verín para a creación do Comité de Seguridade e Saúde e a súa reiterada negativa a responder ás convocatorias feitas polo Comité de Empresa para a creación deste órgano paritario, dende a parte sindical presentouse unha denuncia ante a Inspección de Traballo por incumprimento da Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

O desinterese do Alcalde pala acción preventiva, a súa aplicación e a vixilancia da efectividade das medidas tomadas fan que, a día de hoxe, a inmensa maioría dos/as traballadores/as do cadro de persoal laboral carezan dunha formación e información adecuadas para o desenvolvemento das súas tarefas en condicións de total seguridade. Os propios delegados de prevención descoñecemos se existen os documentos de avaliación de riscos e o plan de prevención ou informe actualizado dos resultados colectivos dos exames de saúde.

Esta Comisión debería de estar constituída dende o 2007, ao igual que a Comisión de Control que vela polo cumprimento do Convenio Colectivo dos Traballadores, pero que aínda está sen convocar.

Como xustifica o señor Alcalde a substitución da asemblea, pedida por medio de recollida de sinaturas dos/as traballadores/as, á que foi convocada polo Comité de Empresa, por xuntanzas privadas e particulares, mesmo no seu propio domicilio, con algúns dos traballadores que tamén acudiron a título persoal e non en representación do colectivo?

Desta forma elude constantemente sentar para negociar o Convenio Colectivo que caducou xa en 2007. Ademais de lembrar subliminalmente a incertidume e fraxilidade dalgúns contratos eventuais, que todo hai que dicilo, converten en auténticos reféns aos ocupantes deses postos de traballo. Dende o Comité queremos que o Alcalde de Verín sente a negociar o Convenio dunha vez por todas. É o noso dereito.

Non supón unha evidente contradición pagar varios miles de euros por medias dedicacións políticas no Concello, ao tempo que se lle nega aos traballadores/as o que lexitimamente lles corresponde?Ou é que a xestión deses traballadores políticos se demostrou tan imprescindíbel? Non é contraditorio falar de contención salarial pola crise que atravesamos cando se cobran salarios de 8.000 euros ao mes?

Mentres, a R.P.T. das condicións e competencias dos traballadores ten que ser revisada porque está mal redactada, hai que dotar os postas de traballo dunha maior calidade laboral e o Convenio séguese sen negociar. ..

Sería máis acertado nun momento de crise laboral cubrir todos aqueles postos de traballo que quedan vacantes por xubilacións, despedimentos, baixas voluntarias, etc ..., e deixar de ofrecer complementos salariais que son discriminatorios entre os traballadores/as e que non melloran a calidade dos servizos. Ao igual que se se aforran postos de traballo para logo realizar privatizacións de servizos, acádase un empobrecemento progresivo da calidade laboral dos traballadores do Concello e non se ofrecen solucións eficaces aos usuarios. Exemplos recentes disto son as privatizacións da limpeza viaria, no servizo de deportes, no servizo de augas, etc ...

Sr. Jiménez Morán, un bo xestor dimensiona as necesidades, cubre esas necesidades con persoal cualificado, e atende as demandas de empregados e usuarios con respecto e transparencia. O talante democrático demóstrase convocando as Mesas de Negociación e, sobre todo, dialogando.

Comité de Empresa Laboral do Concello de Verín.

Volver