Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O Delegado Territorial da Xunta en Ourense recibirá o vindeiro 15 de setembro aos traballadores/as da Vidreira

14 Set 2009

A empresa incrementou dende xullo a 50 operarios/as a categoría profesional, tal e como reclaman o Comité e a CIG

O responsábel da CIG de Verín, Anxo García Torres, lamentou a falta de dilixencia do delegado territorial en responder á solicitude dos traballadores/as e a parálise para tentar darlle pulo aos compromisos adquiridos polo anterior goberno da Xunta, co obxecto de buscar unha solución ao conflito (gasoduto, financiación, etc.). “Está moi ben que o señor Delegado Territorial da Xunta en Ourense, amose a súa disposición a solucionar os problemas dos empresarios ourensáns (asunto das areeiras de Xinzo, etc.), mais non estaría mal tampouco que lembrase que os traballadores/as forman parte da sociedade”, apunta García Torres.

Pola súa banda, o Comité de Empresa acudirá a xuntanza para esixir que se obrigue á dirección da Vidreira a dar cumprimento á lei. “Unha cuestión é que nos atopemos nunha situación económica difícil e que haxa que arrimar o ombreiro e outra que certas empresas teñan patente de corso para poder incumprir a lexislación que “teoricamente” protexe os dereitos dos traballadores/as”, sinala o responsábel da CIG de Verín.

García Torres refírese ao incumprimento sistemático por parte da empresa do dereito á negociación colectiva e liberdade sindical, polo que apelan á responsabilidade “política e legal” da dirección territorial de facer cumprir coa lei, e de pedir contas á Vidreira  do atlántico polo peche patronal do 33% da produción da factoría, sen negociación sindical, nin autorización administrativa.

Próximas mobilizacións

O próximo día 25 de Setembro, ás 19:00 horas, celebrarase tamén unha Asemblea Xeral de Traballadores/as, na Casa da Cultura de Xinzo da Limia, para elaborar o novo calendario de accións sindicais, dirixido a reclamar o restabelecemento dos dereitos suprimidos aos traballadores/as da fábrica.

Modificación das categorías profesionais

Con todo, cómpre indicar, que a Vidreira do Atlántico segue a dar a razón ao Comité de Empresa, no que atinxe á reclamación formulada durante o conflito sobre a incorrección das categorías profesionais da maior parte do cadro. Tanto é así, que o pasado 31 de agosto a Dirección do Grupo BA, para evitar a condena xudicial, acordou aumentar as categorías profesionais de 10 traballadores/as da fábrica limiá que, sumadas ás 40 adxudicadas no mes de xullo, contabilizan un total de 50 categorías incrementadas a outros tantos traballadores/as, tal e como reclamaba a CIG e o Comité de Empresa. “Semella que os efectos secundarios das mobilizacións, son benéficos para os traballadores/as”, conclúe García Torres.

 

Volver