Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O Comité de Folga da Vidreira do Atlántico insta á dirección a convocar a Mesa de Negociación antes de 15 días

07 Xul 2009

Para retomar o camiño do diálogo e tentar desbloquear o conflito

O Comité de Folga remitiu un escrito á dirección da Vidreira convidándoa a participar nunha nova mesa de negociación, a convocar durante os vindeiros 15 días, para tratar as principais reivindicacións dos traballadores e traballadoras: o restabelecemento do plus de actividade “unilateralmente suprimido”, a implantación dunha quinta quenda de produción, e o inicio do proceso de reclasificación profesional do persoal da fábrica de A Limia.

Dende o Comité tamén se ofrece á Vidreira a posibilidade de que a xuntanza estea moderada pola Inspección de Traballo, se así o consideran necesario, tal e como aconteceu na última xuntanza, mediada e auspiciada polo Consello Galego de Relacións Laborais.

O obxecto da oferta achega é desbloquear a situación na que se atopa o conflito aberto dende finais de 2008 e encamiñalo polo “vieiro da negociación e o diálogo”, apelando á obriga legal da empresa de levar adiante un proceso de negociacións. Neste senso, hai que destacar que dende hai meses a empresa négase tanto a buscar unha saída como a permitir o acceso ás instalacións da fábrica aos membros da CIG, central sindical maioritaria no Comité de Empresa, “motivo polo que afondan aínda máis na súa negativa a negociar”.

Posibilidade de novas medidas de presión

Os traballadores/as lembran que veñen de desconvocar a folga de 15 días que estaban desenvolvendo ante a decisión da patronal de pechar dúas das liñas de produción, sen garantir que logo do paro se ía retomar a actividade nas mesmas e sen medir os riscos que a medida podería causar tanto nos bens da fábrica como na seguridade e saúde do persoal.

Non obstante, o voceiro do Comité de Folga, Anxo García Torres, subliña que os representantes dos traballadores/as teñen feito “reserva expresa da vixencia e validez dos motivos que xustificaran a declaración de folga”, polo que xa anunciaron que adoptarán novas medidas de presión, de ser preciso.

Volver