Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

O Comité de Empresa do Concello de Verín denuncia a política de privatizacións que se están a realizar desde a Alcaldia

22 Feb 2010

En setembro privatizou o servizo público de augas

Desde este Comité salientan que "é preciso lembrar que o tripartito xurdiu dunha moción de censura ao Sr. Jiménez, ao quedar en minoría como consecuencia da marcha dun dos seus concelleiros, Lucas Martínez. Unha das causas que motivou a marcha deste concelleiro foi precisamente as súas diferenzas con Jiménez polo proceso de privatización do servizo de augas. Daquela o alcalde de Verín xa tiña tomada a decisión de privatización, aínda que non existisen débedas herdadas. O proceso de privatización non chegou nese momento porque lle faltaron os votos, non a vontade de desmantelar os servizos públicos deste concello".

Entrega a unha empresa privada

A representacion dos traballadores/as deste concello critican que "agora, despois de facer este concello un importantísimo esforzo orzamentario na renovación das instalacións e rede de suministro da auga, agora que a incidencia de avarias é baixsísima, agora, o sr. Jiménez Morán, ras volver á Alcaldía, entrega a unha empresa privada este servizo que é dos poucos neste concello que xera cartos, e que supuña unha importante carga de traballo para os empregados deste concello".

Privatizou a limpeza viaria

Xa hai anos que Jiménez antes de que houbera tripartitos, privatizou o servizo de limpeza viaria, polo que denuncian "este exemplo de como entende o señor Jiménez por xestionar ben os impostos que pagan os verineses. Entregou un servizo público que empregaba a máis dunha ducia de traballadores e funcionaba correctamente a unha empresa privada de limpeza que, como ben saben todos os veciños e veciñas de Verín, ten bastante desatendida á vila e aos seus barrios".

Limpeza no entroido

"O que non entendemos desde este Comité de traballadores é que estando privatizado este servizo de limpeza viaria, pagando o concello a unha empresa privada todos os anos os millóns que costa limpar as nosas rúas, no Entroido, os dias do ano que máis se precisa deste servizo, teñamos que ser os traballadores públicos os que limpemos as rúas, facendo o traballo da empresa que se embolsa os cartos dos impostos de todos e todas as cidadás de Verín", engaden.

Privatización no servizo de asistencia a domicilio e deportes

No servizo de asistencia a domicilio, dependente do departamento de benestar social, tamén privatizou xa algúns servizos. No servizo de deportes tamén se opta por privatizar servizos en lugar de investir en melloras do servizo público. Fontes non oficias falan de que existen pretensións de privatizar outros servizos como a piscina climatizada ou a xardineria.

Os traballadores do concello de Verín diríxense a todos/as os/as verineses/as para pedirlles que "defendan os servizos públicos de calidade fronte á nefasta xestión que, até agora, levou adiante o noso alcalde coa súa política de privatizacións".

 

Volver