Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

NOTA INFORMATIVA DA MESA INTERSINDICAL DE BOMBEIROS DE GALICIA

12 Abr 2019

Forman parte desta mesa CIG, CCOO, UGT e SIBGAL

A Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia composta polos sindicatos CIG, CCOO, UGT e SIBGAL leva traballando dende fai anos na procura do cambio de modelo de xestión indirecta que funciona dende os primeiros anos deste século nos Consorcios contra Incendios e Salvamento en toda Galicia, primeiro nos Consorcios Comarcais e logo nos Consorcios Provinciais.

Este traballo levounos a conquerir unha serie de fitos nos diferentes Consorcios Provinciais que a continuación detallamos:
O Consorcio Contraincendios e Salvamento de Lugo xa aprobou o cambio de modelo de xestión fai meses, unha decisión tomada de maneira unánime polo Pleno do Consorcio, composto a partes iguais pola Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia. O paso á xestión directa será efectivo a partires do dia 1 de Maio, pasando os bombeiros a formar parte do persoal propio do consorcio. O pleno do Consorcio Contraincendios e Salvamento da Coruña celebrou sesión ordinaria hoxe dia 12/04/2019 e nela aprobouse o cambio de modelo de xestión indirecta, a través de varias empresas, á xestión directa, que será asumida polo propio Consorcio Provincial.

O cambio de modelo será efectivo a partires do 1 de Xaneiro de 2020, sendo o persoal operativo subrogado polo Consorcio Provincial. No resto de provincias os Consorcios Provinciais teñen contratos en vigor coas empresas que prestan o servizo ata mediados de 2021. A Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia comezará a traballar cos devanditos Consorcios unha vez que as eleccións municipais de Maio clarifiquen a composición das Deputacións Provinciais, para ir adiantando dende xa o traballo para acadar no ano 2021, un servizo Contraincendios e Salvamento de xestión Pública en todo o noso País e poder avanzar deste xeito nun sistema integral de emerxencias galego. Queremos salientar aquí o traballo conxunto neste eido dos sindicatos que compoñen a MIB, que foron quen de unirse, como un só, para conquerir os obxectivos marcados.

Dende a MIB gustaríanos recoñecer a vontade que tiveron os políticos responsables destas decisións, o Presidente e Vicepresidenta da Deputación de A Coruña e o Presidente da Deputación de Lugo. Tamén queremos salientar o esforzo feito pola Xerente do Consorcio de Lugo ademáis de outros moitos que traballaron arreo dende os propios servizos xurídicos dos sindicatos e o apoio legal que nos ofreceu sempre o Consello Galego de Relacións Laborais. Salientar o diálogo fluído que puidemos manter sempre co exDirector Xeral de Emerxencias, agardando que coa toma de posesión do novo Director Xeral o tono sexa similar co fin único que todos defendemos, conquerir un sistema de emerxencias en Galicia á altura dos seus cidadáns. Este dende logo non foi, nin será, un camiño doado, pero con decisións coma as tomadas en Coruña e Lugo, e co traballo incansable dos Bombeiros que compoñen a MIB, e os que a compuxeron no seu dia, así como co apoio, comprensión e paciencia dos Bombeiros de Galicia, o obxectivo está máis preto.

Volver