Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Malestar na CIG-Monterrei polo anuncio da Xunta de desmantelar a base de helicópteros de Vilamaior

16 Xun 2009

Exixen á administración que manteña unha infraestrutura que xa ten demostrado a súa “eficacia e necesidade”

Luis Ferreiro, da CIG-Monterrei, considerou que están “fóra de lugar” as xustificacións manexadas pola Xunta para pechar a base de helicópteros, argumentando que se pretende “racionalizar os recursos destinados contra os incendios forestais”, pois, destaca, a de Monterrei é unha comarca de alto risco e das máis castigadas de Galiza polos incendios.

A este respecto, lembra tamén o esforzo económico que supuxo a creación da base de Vilamaior, máis de 300.000 euros; investimento que quedaría sen xustificación coa aplicación da medida e deixaría inoperativa unha infraestrutura que “ten demostrada a súa eficacia”.

“Está constatado por técnicos do propio Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais de Galiza que a Brif de Laza, que actualmene xa ten adxudicada unha área de intervención enorme, chegando mesmo a Asturias e Castela e León, non é suficiente para cubrir o espazo do que se ocupa o helicóptero de Vilamaior, e de que polo tanto con esta medida, a Xunta está actuando de xeito irresponsábel, antepondo os seus criterios economicistas por enriba da protección do medio natural e dos propios veciños da nosa comarca”, asegura Luis Ferreiro.

Dende a CIG de Verín exixiuse á Xunta que reconsideren a súa decisión, “que fagan goberno a favor deste País e dos seus habitantes”, e que manteña a base de helicópteros de Vilamaior, pois a súa existencia vén xustificada pola súa necesidade.

Así mesmo, reclamouse aos alcaldes dos diferentes Concellos da comarca, especialmente aos do PP, actualmente no goberno, que inicien xestións para o mantemento da base e que o seu rexeitamento a esta medida non quede “só nun descontento manifestado dianto dos medios de comunicación, senón que fagan real o compromiso que adquiriron de defender os intereses dos seus veciños e veciñas”.

Volver