Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

Cuarta xornada de folga en Vidreira do Atlántico, que se postula como un novo éxito

18 Feb 2009

Os traballadores e traballadoras volven apoiar a continuidade dos paros

A cuarta xornada de folga en Vidreira do Atlántico está resultando novamente un éxito, a pesar da desmobilización que a empresa pretende introducir entre o persoal. Neste senso, explicou Anxo García, da Unión Local de Verín, os traballadores e traballadoras ratificaron a súa conformidade coa continuación da folga nunha asemblea que tivo lugar na entrada da fábrica pouco antes de iniciarse o paro. Das 104 persoas que emitiron o seu voto, tan só 17 se manifestaron a favor do cese da folga, mentres que outros 86 apostaron pola continuidade da mobilización.

O Comité de Folga invitou á dirección de BA Glass á “estabelecer negociación de xeito inmediato, se quere atopar unha solución dialogada para o conflito”, no caso contrario xa anunciaron que continuarán coa convocatoria de folga durante o mes de marzo e mesmo para o resto do ano.

Anxo García explicou que reclamaron á dirección que cumpra tamén co acordo en materia de eliminación da produción xerada nas quendas de folga, xa que até o momento non confirmaron en que data se vai efectuar esta destrución. “Outorgámoslle tres días, se nese prazo non nos contestan levaremos o incumprimento do acordo até o xulgados, por atentar contra os dereitos de folga e liberdade sindical ”, apunta Anxo García.

Accións en todas as frontes

O xoves 19 está prevista unha xuntanza con colectivos e organizacións para solicitar que se sumen á convocatoria de manifestación do vindeiro 27 de febreiro. Pola súa banda, o alcalde do Concello de Trasmirás xa transmitiu o seu apoio ao colectivo dos traballadores/as e sinalou que levará na orde do día do vindeiro pleno a aprobación da moción de apoio por parte do conxunto da Corporación municipal.

A maiores dos paros, o Comité está levando a cabo diversas liñas de accións destinadas a acadar acordos que desmonten os argumentos nos que a empresa sustenta a suposta necesidade de recortar gastos. Neste senso, a representación dos traballadores e traballadoras conseguiu unha xuntanza con responsábeis do Igape, para abordar a cuestión da financiación da Vidreira, previa a outra xuntanza na Consellaría de Economía.

Así mesmo, lograron o compromiso da Consellaría de Industria para que lles entregue un estudio de viabilidade sobre o achegamento até o Polígono de Xinzo dun gasoducto, que abarataría os custos enerxéticos da empresa.

Por outra banda, o Pleno do Concello de Xinzo aprobaba esta mesma semana a cesión dun total de 150.000 metros cadrados á vidreira para ampliación das instalacións a moi baixo custo.    

Volver