Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

CONVOCADAS MOBILIZACIÓNS PARA O DÍA 15 DE ABRIL EN DEFENSA DAS PENSIÓNS PÚBLICAS E POLA RECUPERACIÓN DOS DEREITOS

11 Abr 2018

Levaranse a cabo en Ourense, Verín e O Barco

Baixo iste lema, a CIG vai desenvolver unha xornada de mobilizacións o domingo 15 de abril, na defensa do sistema público de pensións, pola recuperación dos dereitos roubados, e para reivindicar emprego e salarios dignos, como único garante dunhas pensións dignas.
A central sindical está a esixir a derrogación das reformas antisociais e antiobreiras aprobadas baixo a escusa da crise económica, e que centrará tamén a conmemoración deste Primeiro de Maio. Previamente, a CIG porá en marcha unha campanha para levar aos centros de trabalho o debate sobre a necesidade de defender o sistema público de pensións, xa que a reivindicación dunhas pensións dignas é unha loita que abrangue a toda a clase traballadora.
A solidariedade interxeracional constitúe un dos piares da protección social do estado de benestar e conquistar este dereito supuxo décadas de loita obreira, que agora toca defender con firmeza; o futuro das pensións non é un problema económico, é un problema de decisión política. As pensións non están en risco no caso de aplicar as medidas correctas; é o gobernó do PP o que quere que o pensemos, co fin de lucrarse das nosas pensións. A administración pública ten a obriga de garantir as pensións públicas, E PODE FACELO. Vivimos nunha das provincias con maior precariedade, e padecendo uns dos salarios máis baixos de todo o estado. As reformas do PSOE primeiro e as posteriores do Partido Popular, que nalgúns casos foron apoiadas por UGT e CCOO magnifican o problema.
A derrogación das reformas das pensións levadas a cabo nos anos 2011 e 2013, e aplicar unhas políticas laboráis e económicas diferentes é imprecindíbel, pois o caminho que levan istas reformas é emprobecer os salarios, reducir o acceso ás pensións, reducir os ingresos por cotizacións e baleirar a caixa das pensións. O goberno promoveu estas medidas para subvencionar as contratacións precarias, modificou o imposto de sociedades para favorecer as grandes empresas, rebaixou os impostos directos ás rendas máis altas e incorporou desgravacións fiscais aos plans
privados de pensións. Esta serie de medidas implantadas veu acompanhado da construción dun relato catastrofista no que todo o público aparece etiquetado como "inviábel", nomeadamente o sistema público de pensións, garante da cohesión social, mais tamén negocio millonario do que banca e as grandes empresas queren apropiarse.
Non é suficiente unha suba xusta para as pensións, o estado debe garantir o seu futuro.

A CIG defende un sistema público de pensións; Galiza, na contra do que nos queren facer crer, non é un país deficitario, pode sosterse aplicando as medidas adecuadas.

15 de abril - Xornada de Mobilizacións

Ourense: 11:30h Praza do Ferro
Verín: 12:00h Praza do Concello
O Barco: 12:00h Diante do Hospital Comarcal

Volver