Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

CONCENTRACIÓN FEMINISTA DO 25 DE NOVEMBRO EN VERÍN

25 Nov 2019

Celebrouse na Praza do Concello convocada pola Marcha Mundial das Mulleres

Centos de mulleres acodiron á Praza do Concello de Verín convocadas niste 25 de novembro baixo o lema "Feministas de Verín en loita".

MANIFESTO DA CIG 25 DE NOVEMBRO DE 2019


Tal día coma hoxe, un 25 de novembro do ano 1960, as irmás Mirabal, Patria, Minerva e María Teresa, activistas políticas e símbolos visíbeis da resistencia, eran asasinadas na República Dominicana pola policía segreda do ditador Trujillo. O brutal asasinato das mulleres, impulsou un movemento de resposta que fixo caer o réxime ditatorial, declarando o 25N como o Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres no Primeiro Encontro Feminista para América Latina e o Caribe, celebrado en Colombia no 1981, e que remataría sendo asumido en 1991 pola ONU.
59 anos despois deste suceso, as mulleres mobilizámonos en todo o mundo para denunciar que a VIOLENCIA DE XÉNERO é unha realidade sistemática que abrangue desde tortura sexual, á violencia do estado, desde agresións a violacións, incluíndo os abusos a mulleres prisioneiras políticas, como foi o caso das irmás Mirabal.
Porque todos os tipos de violencia que se exercen contra as mulleres son consecuencia da discriminación e o machismo que as mulleres sufrimos, desde a VIOLENCIA FÍSICA, A SEXUAL, A PSICOLÓXICA, A VIOLENCIA ECONÓMICA, A VIOLENCIA LABORAL, A VIOLENCIA SIMBÓLICA ou a VIOLENCIA INSTITUCIONAL son as manifestacións da necesidade dun cambio real e urxente que debemos solucionar para poder obter a igualdade real entre as persoas.
E facémolo hoxe aquí diante, nun día na que a meirande parte das institucións están a celebrar ou celebrarán actos nas que lerán declaracións de intencións, discursos mesmo de calado feminista, colocarán crespóns violetas ou decorarán as súas fachadas en negro, manifestando aos catro ventos o seu compromiso na loita contra esta lacra, demostrando en moitos casos á súa hipocrasía e a súa falta de ética, xa que ao mesmo tempo que se lles enche a boca falando de combater a violencia, exercen violencia contra as mulleres que traballan para ditas institucións e/ou empresas.
Nós sinalamos ao goberno da Xunta de Galiza e ao Estado como culpábeis da precarización de milleiros de mulleres que traballan no sector dos coidados, sexa mediante unha xestión directa por parte da administración pública, ou privatizados por empresas que as escravizan. Acusamos directamente a todo un sistema que baixo o eufemismo do benestar, violenta deliberadamente a miles de mulleres no país, dun sistema que converte a miseria de moitas en cartos para uns poucos, que non fai máis que espallar a frustración das persoas ás que van dirixidos os servizos e escraviza ás mulleres que neles traballan. Miles de mulleres que son silenciadas, vítimas dunha violencia sistémica, tolerada pola sociedade.
Un sistema que desmantela os empregos de calidade que deberían ser públicos, para sacar a concurso caterings, SAF, xestión de centros de día, residencias da terceira idade, deixando ao
rural sen atención primaria, reducindo os recursos de atención especializada, deixando sen recursos o ensino público, os servizos sociais, poxando o prezo do traballo de coidados, sacándollelo ás traballadoras e poñéndoo ao servizo do capital.
As mulleres non participamos en dúas convocatorias de folga o 8 de marzo para que non mudase nada. Ademais da folga laboral, estudantil e de consumo, fixemos un chamamento a unha folga de coidados. Conscientes das dificultades dunha folga deste tipo, fixemos un chamamento ás que non podían facela, a que penduraran os seus mandís nas xanelas das casas, e moitas de nós levamos esta indumentaria ás mobilizacións esixindo unha REVALORIZACIÓN SOCIAL E LABORAL DO TRABALLO DOS COIDADOS. Pero isto non só acontece nos fogares.
Non podemos seguir aturando por máis tempo a VIOLENCIA INSTITUCIONAL que se exerce contra todas as traballadoras que realizan este tipo de traballos. O estado ten a obriga e o deber de asumir a necesidade de socializar os coidados, recoñecéndoo como un dereito universal para todas as persoas, mais revalorizando e profesionalizando estas ocupacións. Estamos fartas dun sistema que desmantela os empregos de calidade que deberían ser públicos, precarizando, explotando e escravizando ás mulleres.
Porque todas as persoas necesitamos e necesitaremos coidados nalgún momento. A nosa vida non será viábel sen que alguén se fixese cargo de nós, ou sen que alguén nos coidase e nos protexese. Precisamos coidados desde que nacemos, durante o proceso de crecemento, mais tamén nas enfermidades, as discapacidades que poidan xurdir, o proceso de envellecemento e finalmente na morte.
O estado ten a obriga e o deber de asumir con urxencia a necesidade de SOCIALIZAR O COIDADO, recoñecéndoo como un DEREITO UNIVERSAL PARA TODAS AS PERSOAS, e rematando coa inercia social de que dependa exclusivamente da familia, e en concreto, das mulleres. Os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorada e con escasas retribucións. Porque o traballo dos coidados é imprescindíbel para a sostén da vida.
Acusamos aos concellos, á Xunta de Galiza, ás Deputacións, ás empresas adxudicatarias destes servizos e por tanto a todo o entramado que saca rendemento do sector dos coidados explotando ás traballadoras, as cales cobran salarios míseros, non se lles facilitan equipos de prevencións de riscos que axuden a manipular as cargas ás que están sometidas para realizar cambios posturais, aseos, vestimenta, desprazamento das persoas usuarias; non se lles contabiliza o tempo entre xornadas, son obrigadas a asumir o custo dos desprazamentos aos domicilios, as chamadas de teléfono; non se lles recoñecen as enfermidades profesionais causadas polos esforzos físicos; fan horas extras que non perciben mesmo estando contratadas a tempo parcial; son obrigadas a desenvolver tarefas para as cales non están contratadas; son obxecto de acoso, maltratos físicos e psicolóxicos, acoso e agresións sexuais.
ABONDA XA DE HIPOCRASÍA! ESTES ESPAZOS LIBRES DE VIOLENCIA SON XUSTAMENTE OS LUGARES ONDE SE EXERCE VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES! SE ESTAS INSTITUCIÓNS TEÑEN COMPROMISO COA IGUALDADE TEÑEN QUE POÑER FIN A ESTA SITUACIÓN!
NON Á NOSA CONTA! AS MULLERES COIDADORAS SOMOS A CARA VISÍBEL DA EXPLOTACIÓN MACHISTA E DA VIOLENCIA INSTITUCIONAL! NINGUNHA AGRESIÓN SEN RESPOSTA!

Volver