Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 

ANULADA XUDICIALMENTE A XORNADA IMPOSTA POLA VEICAR SL AOS BOMBEIROS DE VERIN

17 Abr 2018

O Xulgado Social nº 3 da a razón á CIG de Verín e A Limia e anula a decisión empresarial

O Xulgado Social nº 3 d’Ourense ven de publicar a Sentenza nº 80/2018 do 16/4/18, no proceso de Conflito Colectivo promovido pola CIG de Verín e A Limia, contra a modificación da xornada de traballo imposta aos bombeiros do Parque de Verín pola empresa VEICAR, S.L., adxudicataria dos parques de bombeiros de Ourense.

Na citada resolución o órgano xudicial estima a demanda interposta polo sindicato, acolhendo a tese relativa a que a xornada de trabalho, imposta en xaneiro do 2018 aos bombeiros verineses, infrinxe o disposto no artigo 7 do Convenio Colectivo do Parque de bombeiros de Verín e, por tanto, é nula ao inaplicar tal previsión convencional, sen nengociación cos trabalhadores/as e sen acudir aos procedimentos de solución de conflitos estabelecidos na lexislación laboral.

En consecuencia, a xornada anulada, que fixaba 3 tipos de quendas rotatorias para cada bombeiro durante o ano 2018: 24 horas de trabalho/3 días libres, 24 horas de trabalho/4 días libres e 24 horas de trabalho/5 días libres, tornará a ser a disposta no Convenio Colectivo do Parque de bombeiros de Verín:

“De 9.00 horas dun día a 9.00 horas do día seguinte en gardas de 24 horas segundo cadrante, en quenda de 1 día de servizo por 4 días libres”

A Unión Local de Verín e A Limia da CIG xa ten solicitado umha xuntanza coa dirección da empresa VEICAR de cara a dar cumprimento á resolución xudicial, así como a analizar as compensacións e indemnizacións a determinar a favor daqueles bombeiros que viran alteradas as súas xornadas durante os meses de xaneiro a abril 2018 como consecuencia da imposición da xornada de trabalho anulada.

Volver