Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

ABERTAS AS LISTAXES DE CONTRATACIÓN TEMPORAL DA XUNTA DE GALIZA

02 Mar 2024

O prazo para a inscripción remata o 30 de abril

A Xunta abríu o 1 de marzo o prazo de inscrición nas listaxes de emprego temporal para traballar nos servizos públicos da Administración galega. Calquera persoa que cumpra os requisitos de titulación poderá anotarse nas bolsas abertas para o nomeamento de funcionarios interinos e a contratación de persoal laboral temporal da Xunta de Galiza.

Estarán abertas un total de 39 listaxes: 25 afectan a persoal funcionario e 14 a persoal laboral.

O prazo de inscrición permanecerá aberto dende o 1 de marzo ata o vindeiro 30 de abril, segundo recolle a resolución da Dirección Xeral da Función Pública publicada o 29 de febreiro no Diario Oficial de Galiza (DOG).

Estas listaxes son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos.

O acceso ao emprego temporal na Xunta realízase a través do nomeamento de persoal funcionario interino ou de contratación temporal de persoal laboral. En ambos casos, as persoas seleccionadas proceden das listaxes elaboradas para este efecto.

Tanto o estado -aberto ou pechado- para a incorporación de novas solicitudes no que se atope cada lista, como o procedemento a seguir para inscribirse nelas poden consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza, https://funcion-publica.xunta.gal, no apartado de ‘Listaxes de contratación’, que conta ademais cun epígrafe de preguntas frecuentes (FAQ) que responde ás dúbidas máis habituais que se lles presentan ás persoas interesadas en realizar este proceso e na resolución publicada o 29 de febreiro no Diario Oficial de Galiza (DOG): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240229/AnuncioG0597-200224-0003_es.html

Volver