Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A Vidreira do Atlántico presenta demanda de concurso de acredores sen comunicar a medida aos traballadores/as

09 Dec 2009

O Comité e a CIG advirten que se trata dunha manobra da empresa en fraude de lei e co obxectivo de desmantelar á fábrica

A Dirección da Vidreira formulou a pasada semana unha demanda de concurso de acredores/as perante o Xulgado de 1ª Instancia nº 4 de Ourense, pero ignorou a súa obriga de comunicar tal decisión ao Comité, polo que agora os traballadores/as e a CIG van reclamar directamente ao Xulgado do Mercantil que se lles faga entrega da demanda para coñecer cales son as verdadeiras intencións da empresa. De igual xeito, xa advertiron que denunciarán ao Grupo BA, propietario da factoría da Limia, perante a Inspección de Traballo por violación do dereito de información dos traballadores/as.

Dende o Comité lémbrase nun comunicado que a acción concursal, en todo caso, debe fundamentarse nunha situación de insolvencia empresarial na procura da realización dun convenio cos acredores, para adiar e/ou fraccionar as débedas, co obxectivo de viabilizar a empresa; ou, simplemente, a liquidación ordenada da sociedade e o cese de toda a actividade empresarial.

Porén, o responsábel da CIG de Verín, Anxo García Torres, xa alertou que “estamos perante unha nova acción en fraude de lei. Como non conseguiron pola vía laboral o que procuraban, xa en xaneiro do 2009 (desfacerse dos salarios dos traballadores e dos propios traballadores/as), agora acoden á vía mercantil a ver se así o acadan”.

Dúbidas sobre o futuro dos empregos

A falta de comunicación por parte da dirección tamén deixa nunha situación de total indefensión aos 150 traballadores/as da factoría, pois descoñecen se as intencións da empresa van encamiñadas a extinción dalgúns ou de todos contratos, á suspensión temporal dalgúns ou de todos os contratos, ou ben ao mantemento do emprego nas actual situación. Non obstante, coñecida a traxectoria da empresa, dende o Comité e a CIG sospéitase que “como mínimo procuren a extinción dalgúns contratos, no caso de pretender a viabilización da fábrica ou, como máximo, a extinción de todos os contratos, no caso de pretender o cesamento das actividades. Na actualidade descoñecémolo, porque a dirección, novamente, incumpriu a súa obriga de comunicalo ao Comité de Empresa”.

Situación de insolvencia buscada

Diante desta nova agresión por parte da Vidreira do Atlántico, a CIG e o Comité de Empresa recomendan a todo o persoal prudencia e calma, no marco da difícil situación na que a Dirección do Grupo BA está colocando á fábrica de Xinzo. Nesta liña sinalan que a empresa ten retomado as escusas das dificultades de acceso á enerxía precisa, da falla de cualidade no produto, do alto nivel do absentismo laboral ou da falla de materia prima preto das instalacións. Contra desta postura, o Comité lembra que as únicas medidas adoptadas pola dirección para tentar solucionar estes problemas limitáronse a:

1.- Eliminar 250 horas de actividade ao ano por traballador, ou sexa o equivalente a 31 días ao ano por traballador/a, 3.125 días de traballo ao ano; sen substituír a actividade eliminada por contratacións que cubrisen esa baixada de produción

2.- Desprezaron a oferta do gasoduto da Consellaría de Industria, xestionada polo Comité de Empresa.

3.- Desprezaron a oferta de terreos realizada polo Concello de Xinzo da Limia e conseguida polo Comité de Empresa.

4.- Negáronse sistematicamente a negociar co Comité para acadar un clima de paz laboral, incumprindo a lei e, mesmo, sendo condenados por violar os dereitos fundamentais dos traballadores/as.

“En definitiva, levan case un ano impoñendo unha política de “ordeno e mando”, tentando levar á fábrica a unha situación de dificultades económicas para xustificar esta acción contra o emprego e a produtividade. Unha máis das variadas fraudes de lei a que nos teñen afeitos os Directivos da BA”.

Asemblea de traballadores e reunión cos alcaldes

Co obxecto de explicar a situación e acordas as medidas a levar a cabo, o vindeiro xoves 10 de decembro terá lugar ás 18:00 horas unha asemblea xeral de traballadores/as na Casa do Concello de Xinzo da Limia.

De igual xeito, este mércores, o Comité remitiu un escrito a todos os alcaldes e alcaldesas dos Concellos da Limia convidándoos a participar na asemblea que se vai desenvolver o sábado 12, no Salón de Plenos do Concello de Xinzo, co obxecto de analizar e acorda unha estratexia común para a defensa do emprego en toda a comarca.

No documento adxunto podes visualizar a evolución da situación da Vidreira do Atlántico dende a súa adquisición polo Grupo BA en 2008.

Volver