Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A UTE CERDEDELO PRADO (AVE), RECONHECE QUE O DESPEDIMENTO MASIVO DE TRABALHADORES/AS SE DEBEU A DESAVINZAS CON ADIF

24 Mar 2015

A CIG presentará conflito colectivo contra as adxudicatarias do AVE reclamando a realta dos trabalhadores/as despedidos/as

A UTE CERDEDELO PRADO, ADXUDICATARIA DAS OBRAS DO AVE, NO TREITO CERDEDELO PRADO (LAZA), RECONHECE QUE O DESPEDIMENTO MASIVO DE TRABALHADORES/AS SE DEBEU A DESAVINZAS CO XESTOR DE INFRAESTRUTURAS FERROVIARIAS (ADIF), RELATIVAS Á MODIFICACIÓN DO PROXECTO

Tal e como a Unión Local da CIG de Verín e A Limia denunciou, no seu momento, o despedimento masivo de trabalhadores/as das obras do AVE, no treito Cerdedelo-Prado, do Concelho de Laza, ten causa na disputa que a adxudicataria mantén, nistes momentos, co Xestor de Infraestruturas Ferroviarias do Ministerio de Fomento (ADIF), sobre umha pretendida modificación do proxecto das obras contratadas; especificamente, sobre o que a UTE CERDEDELO-PRADO denomina: "a imposibilidade de poder continuar cos trabalhos de escavación do túnel dende o emboque este, ao non ser posíbel chegar sequera ao límite dos 900 m dende a última galaría".

Tres meses despois de comezar a despedir a todos os trabalhadores/as do citado treito, a Dirección da UTE CERDEDELO PRADO procura legalizar, a touro pasado, as infraccións laborais nas que podería ter incorrido, enviando umha comunicación da decisión sobre extincións masivas de contratos de trabalho, á Comisión Paritaria do Convenio Colectivo para o Sector da Construción da Provincia de Ourense e anunciando un "inexistente" compromiso de readmisión dos trabalhadores/as cando se reinicien as obras.

Co obxecto de desenlear este asunto, cómpre dividir a súa análise en dúas partes: a) As desavinzas entre a UTE e ADIF e b) As decisión laborais tomadas, derivadas das mesmas.

a) As desavinzas entre a UTE e ADIF:

De certo, as desavinzas no desenvolvimento do proxecto, mantidas entre a UTE CERDEDELO PRADO e ADIF, non competen a esta central sindical, ao situarse no ámbito das relacións derivada da contratación pública, mais venhen a acreditar o denunciado pola CIG: que quen está a pagar as consecuencias da tirapuxa entre ambas entidades son os trabalhadores e trabalhadoras do AVE.

A respeito de tais desavinzas a única consideración que cabe facer ten a ver con que urxe que, o Ministerio de Fomento, como reclamabamos na comunicación enviada ao Subdelegado do Goberno, tome cartas no asunto, para que os trabalhadores/as non segan a ser as vítimas dos erros do proprio Ministerio, no caso de que tenha razón a UTE nas súas demandas, ou da presión da UTE, no caso de que se estea a producir un incumprimento de contrato, co obxecto de que o Ministerio o modifique.

Mais, dito o anterior procede, agora mais que nunca, insistir en que a responsabilidade política desta situación se sitúa, non na UTE, nen nos trabalhadores/as afectados/as, senón no Ministerio de Fomento que é o que ten o deber de controlar, inspeccionar e fiscalizar este tipo de obras públicas, pra que a súa execución no prexudique a cidadáns/ás que viven do seu trabalho.

b) As decisión laborais tomadas, derivadas das desavinzas UTE-ADIF:

Por outra banda, é preciso afondar na outra prespectiva do problema: a decisión de despedimento masivo dos trabalhadores/as tomada o 15/01/15 pola UTE. E claro, dende isa ladeira, abonda comprobar a secuencia de feitos que se deducen da comunicación enviada pola UTE á Comisión Paritaria do Convenio Colectivo para o Sector da Construción da Provincia de Ourense (que se achega), pra concluír que as XUSTIFICACIÓNS E ESCUSAS dada a "touro pasado" pola UTE só perseguen legalizar as consecuencias do que podería constituír un PECHAMENTO PATRONAL ILEGAL.

Non é viábel xuridicamente, tres meses despois de comezar a despedir trabalhadores/as, apelar ao artigo 35.5 do Convenio Colectivo da Construción de Ourense, como fai a UTE CERDEDELO-PRADO, pra argumentar a existencia dumha CAUSA IMPREVESÍBEL que, supostamente, tería conducido a tal patronal a realizar os despedimentos masivos denunciados. O citado artigo 35.5 do Convenio preceptúa que "de producirse a paralización temporal dumha obra por causa imprevisíbel para o empresario e alhea a súa vontade, tras dar conta pola empresa á representación legal dos trabalhadores/as ou, no seu defecto, á Comisión Paritaria Provincial, operarán a terminación de obra e cesamento previstos...". A maiores a norma dispón que a Comisión Paritaria Provincial, conta cun prazo dumha semana pra dar resposta a tal comunicación.

De certo, no caso que nos ocupa, a dación de conta da empresa á Comisión Paritaria Provincial, evacuada hoxe mesmo, faise a posteriori, con tres meses de retraso; circunstancia que torna tal acción en nula de pleno dereito.

Con todo, é claramente discutíbel que a paralización desta obra se producise por CAUSA IMPREVISÍBEL ALHEA A VONTADE DO EMPRESARIO, posto que a suspensión dos trabalhos deriva dumha decisión unilateral, produto da negociación dun contrato público do que o empresario fai parte e non dumha situación de forza maior ou caso fortuíto; senón da lóxica da negociación empresarial.

No que atinxe ao compromiso de readmisión que a UTE di ter estabelecido cos trabalhadores/as, non hai mais que ler a carta de despedimento que se achega con este comunicado, pra comprobar que se trata de un oferecimento inexistente.

Por conseguinte, a UNIÓN LOCAL DA CIG DE VERÍN, constatada a denuncia realizada, procederá nos próximos días do seguinte xeito:

a) Dará conta da situación aos trabalhadores/as na Asemblea que ten convocada pro día 26 de Marzo, ás 20.00 horas, na Casa Sindical de Verín.

b) Presentará denuncia perante a Inspección Provincial de Trabalho e Seguridade Social, por infracción en materia laboral, dos dereitos dos trabalhadores/as despedidos.

c) Presentará demanda de Conflito Colectivo perante os Xulgados do Social da Provincia, en representación de todos os trabalhadores/as das empresas que operan no treito do AVE PRADO-CERDEDELO e que viron extinguidas as súas relacións laborais dende o 15 de Xaneiro do 2015; reclamando tanto o pagamento dos salarios xerados dende Xaneiro do 2015 á actualidade, como a realta na seguridade social de todos os operarios/as, por considerar fraudulentas as extincións de contrato realizadas, ao agacharse, baixo a aparencia dun fin de contrato, suspensións temporais de emprego, que debían ter sido veiculizadas por medio dun expediente de regulación de emprego, con suspensión de contratos e cotización á seguranza social.

d) Reclamará á Subdelegación do Goberno que actúe e tome as medidas precisas nesta materia.

Volver