Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A policía local de Verín mobilizarase o 25 de xaneiro contra a negativa do alcalde a abrir o proceso de negociación colectiva

20 Xan 2010

Na cidade de Ourense, ás 12:00 horas

Hai máis de dous anos, no mes de Abril do 2007, entrou en vigor a Lei de Coordinación da Policía Local.  Hai aproximadamente dous anos, o 31 de Decembro do 2007, chegaron ao seu termo tanto o Acordo Regulador das Condicións de Traballo dos Funcionarios/as do Concello de Verín, como o Convenio Colectivo para o Persoal laboral do mesmo Concello. Nestes dous últimos anos os traballadores/as laborais e funcionarios do Concello de Verín, así como a CIG, veñen sistematicamente reclamando ao Alcalde da institución local a apertura dun proceso de negociación colectiva real e serio que propicie a normalización das relacións laborais no ente local. Neste tempo, denúnciase dende a CIG-Verín, o rexedor "nin deu sinais dun comportamento democrático nin atendeu  as demandas formuladas polos traballadores e traballadoras municipais".

Así as cousas, o persoal e a CIG atopáronse como única saída a vía da xudicialización das relacións laborais para poder obter algunha resposta satisfactoria ás lexítimas reivindicacións. Así téñense iniciado os seguintes procesos:

1.- O persoal laboral do Concello ollouse na obriga de formular unha demanda de Conflito Colectivo, na actualidade en tramitación, contra o municipio, reclamando a equiparación dos salarios bases dentro da mesma categoría profesional, co obxecto de non seguir a sufrir a discriminación salarial que se viña impoñendo.

2.- O persoal funcionario, concretamente, a policía local, ollouse, igualmente, na obriga de formular unha demanda contencioso-administrativa, na actualidade en tramitación, en reclamación de aplicación da lei de coordinación da policía local, ao negarse o Alcalde a implementar as mudanzas de categorías profesional que esa lei dispuña.

3.- O persoal funcionario non tivo mais remedio que formular unha segunda demanda contencioso administrativa, cuxa vista oral foi sinalada para abril do 2010, en reclamación dunha clasificación profesional correcta aos seus postos de traballo, ao incumprirse por parte do Alcalde do Concello a Relación de Postos de Traballo Municipal e manter situacións tan inusitadas como que polo factor salarial de esforzo físico, cobre máis un auxiliar administrativo ca un policía local.

4.- O persoal funcionario debeu negarse, durante o verán pasado, a realizar as horas extraordinarias, non retribuídas, que pretendía impor por Decreto o señor Alcalde do Concello de Verín.

5.- A Confederación Intersindincal Galega, pola súa banda, houbo de impugnar, en vía contencioso-administrativo, o Orzamento do Concello de Verín para o ano 2009, actualmente en tramitación, por violación do dereito de liberdade sindical, ao non admitir a trámite o ente local as alegacións formuladas pola central sindical, así como ao negarse a abrir un proceso negociador, dirixido a solucionar os problemas anteriormente referidos.

6.- A Confederación Intersindical Galega, tamén, tivo que defender a vixencia e legalidade das Bases de Contratación Laboral Temporal do Concello de Verín, ante o intento do Alcalde, frustrado polo Consello Consultivo de Galiza, de anulalas, para volver a un sistema de contratación sen control sindical e dirixido polo máximo mandatario local.

7.- A Confederación Intersindical Galega debeu interpor recurso contencioso-administrativo contra un novo Decreto do Alcalde do Concello de Verín que pretendía, unha vez ditaminada a legalidade das bases de contratación polo Consello Consultivo, eliminalas igualmente, pola vía de bloquear e inviabilizar a súa aplicación.

8.- A Confederación Intersindical Galega haberá de recorrer, nos próximos días, outravolta ao Xulgado para que sexa este órgano o que impoña ao. Alcalde do Concello a obriga de sentarse a negociar coas centrais sindicais, antes da aprobación dos Orzamentos Municipais do 2010, posto que, tras tres meses de terlle solicitado a constitución da Mesa Xeral de Negociación, nada se sabe do rexedor.

Falta de diálogo

“Con este panorama é ben complicado andar por aí defendendo valores tan alleos á cultura do señor Jiménez Morán como o respecto do principio de igualdade, a democracia e o diálogo”, critícase nun comunicado emitido pola Unión Local da CIG de Verín. Nesta liña, engade que non é a primeira vez que, diante das denuncias sindicais e da gravísima situación laboral na que ten sumido ao Concello de Verín, o rexedor “tende a oportuna cortiña de fume e carga contra todo o que se remexe: dirixentes sindicais, traballadores/as, oposición e todo aquelo que non lle vaia polo pao. Porén, a nada que se analice o exposto, pódese convir que este tipo de argumentos constitúen fuxidas adiante que tan só serven para “acirrar e enquistar” mais os problemas do Concello de Verín. E así é, exactamente, como están as cousas: enquistadas, acirradas e reviradas polo señor Alcalde”.

Diante desta situación e ante a reiterada negativa do alcalde a recibir aos traballadores/as, unha representación do Corpo da Policía Local de Verín, dando continuidade ás mobilizacións que emprendeu hai mais dun ano, manifestarase e concentrarase o próximo luns día 25 de Xaneiro do 2010, ás 12:00 horas, na cidade de Ourense, para reclamar a apertura dun proceso de negociación colectiva. 

Volver