Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A PLATAFORMA EN DEFENSA DO PARTIDO XUDICIAL DE VERIN INCORPORA MEMBROS E REALIZARÁ UNHA CAMPANHA EXPLICATIVA NA COMARCA DE MONTERREI

25 Abr 2014

Incorpóranse á Plataforma en Defensa do Partido Xudicial de Verín, CxG, FRUGA e un importante número de profesionais da xustiza

O 24 de Abril de 2014 celebrouse, na Casa Sindical de Verín (Salón AEVER), a 1ª xuntanza da recén constituída Plataforma en Defensa do Partido Xudicial de Verín, á que se incorporaron os representantes das organizacións CxG e FRUGA, así como un importante número de profesionais do sector da xustiza.

A Plataforma ficou integrada, inicialmente, por: CxG, BNG, FRUGA, PSOE, AEVER, CIG, Concelho da Mezquita e Concelho de Castrelo do Val, así como cidadáns e profesionais da xustiza a título particular.

Os reunidos/as, abordaron, basicamente, dúas cuestións:

a) Organización e funcionamento da Plataforma

b) Acción cidadá a densenvolver

No primeiro apartado acordouse adoptar como logotipo da Plataforma umha das propostas presentadas e, asemade, aprobáronse as seguintes bases mínimas de funcionamento do organismo:

1ª.- Poderán participar no organismo, tanto cidadáns/as a titulo particular, como organizacións ou persoas xurídicas, sen exclusión de nengumha clase e con idénticos dereitos a intervir, facer propostas e votar nas reunións que se celebren.

2ª.- A acción cidadá e campanhas que desenvolva a Plataforma será acordada en Asemblea Xeral da mesma, por medio de votación e maiorías.

3ª.- Elixirase a un/umha voceiro/a da Plataforma que deberá ser escolhido/a entre os cidadáns/ás ou profesionais da xustiza que integren o organismo a título particular.

4ª.- O voceiro/a será o encargado de informar publicamente das decisións que tome a Plataforma.

5ª.- Umha ou varias das organizacións integrantes da Plataforma serán as encargadas de xestionar as cuestións organizativas.

No que atinxe ao segundo asunto tratado, a Plataforma decidiu comezar os seus trabalhos, desenhando umha campanha publicitaria pra informar á cidadanía da Comarca de Monterrei sobre as consecuencias que carrexará a perda do Partido Xudicial de Verín.

Asemade e dada a ausencia da maioría de Alcaldes da Comarca e do Partido Popular, acordouse lembrar aos representantes institucionais de tal partido a súa obriga de defender os servizos públicos da Comarca, por riba de intereses ideolóxicos e, nise sentido, faráselhes un chamamento á que se posicionen ao lado dos intereses dos verineses e das verinesas que son distintos dos intereses de Galhardón e do Goberno Central.

Finalmente, conveuse preparar propostas, pra presentar na próxima reunión da Plataforma, tanto da campanha informativa a desenvolver, como do texto dumha MOCIÓN de apoio, para distribuír entre todos os Concelhos da Comarca.

A próxima reunión da Plataforma ficou fixada pro día 6 de Maio, ás 20.00 horas na Casa Sindical de Verín (Salón AEVER).

Volver