Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A Inspección de Traballo convoca a unha reunión de negociación á dirección da Vidreira do Atlántico e aos traballadores/as

24 Xun 2009

Aínda que manteñen a folga de 15 días, o persoal desconvocará unha xornada do paro por cada día que se avance no diálogo

Representantes do Comité de Folga e da CIG de Ourense compareceron en rolda de prensa para explicar a situación na que se atopa o conflito aberto na Vidreira do Atlántico, así como a convocatoria de reunión remitida pola Inspección de Traballo para o vindiero venres.

O secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco, apuntou á necesidade de sentar a negociar e buscar unha saída dialoga ao conflito, realizando un chamamento á dirección da empresa para que "deixe os abusos" e comece coa negociación dunha vez. 

Tanto o Comité como a CIG trasladaron á Inspectora de Traballo unha serie de condicións, dirixidas á dirección da empresa, a efectos de poder aceptar o estabelecemento dunha Mesa de diálogo. Entre estas condicións atópase a necesidade de:

1º.- Convocar á Dirección da Empresa a unha reunión este venres día 26 de Xuño, na Inspección de Traballo de Ourense, sen exclusións.

2º.- Estabelecer como materias mínimas para tratar nesa reunión as seguintes:

- Implantación da 5ª quenda de traballo

- Análise das categorías profesionais

- Plus de Actividade

3º.- Aceptar como interlocutores a todos os membros e a todas as partes en conflito.

Segundo explicou o responsábel da CIG de Verín, Anxo García Torres, tanto a central como o Comité de Folga, sinalaron á Inspección que se a dirección de BA, non aceptaba estas condicións mínimas, non tería sentido abrir ningunha mesa de diálogo, ao non estar presentes os temas básicos do conflito.

A Inspección de traballo, logo de facer as xestións oportunas, confirmou ao Comité de Folga e á CIG, a aceptación por parte da empresa de abrir unha mesa de diálogo, incluíndo os temas propostos polos traballadores/as. Non obstante, esa aceptación está condicionada a que a CIG e o Comité de Folga desconvoquen, previamente, a folga de 15 días.

Trasladada, a contra-oferta da empresa, á CIG e ao Comité de Folga, anunciaron á Inspección de Traballo que “en ningún caso se desconvoca a folga de 15 días, pero estamos dispostos a suspendela día a día, por cada xornada que haxa de negociación. É dicir, se o venres 26 se abre a mesa de negociación, suspenderíamos a folga só ese día, e se a negociación se mantén o sábado, levantaríamos o paro tamén o sábado e así sucesivamente”, explicou o presidente do Comité, Plácido Valencia.

Non obstante, se se producise un bloqueo ou obstaculización no diálogo, retomaríase a folga convocada.

Nestes intres, Comité e CIG están pendentes de obter a resposta a estas condicións por parte da empresa, “mais pensamos que é moi posíbel que sexa aceptada”.

Volver