Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A dirección da Vidreira provoca o peche definitivo da empresa ao paralizar o forno, a pesar de carecer de autorización xudicial

29 Dec 2009

Traballadores/as e CIG van formular demanda laboral por falta de ocupación efectiva e denuncia penal contra esta acción do Grupo BA

A continuación reproducimos o comunicado remitido pola CIG de Verín denunciando as actuacións da Vidreira e as medidas que o persoal e a central van levar a cabo contra a decisión ilegal de pechar o forno da factoría:

Por se todas as accións emprendidas pola sociedade Vidriera del Atlántico, S.A. non fosen abondo para concluír que estamos perante un ataque programado e premeditado, polo administrador de feito de tal empresa: o Grupo BA Vidrio, S.A., contra os dereitos dos acredores, traballadores e cidadáns en xeral; no día de hoxe (28 de decembro), perante a máis absoluta e desesperante das pasividades dos órganos administrativos, concursais e xudiciais que deben pronunciarse sobre o concurso formulado, a Dirección empresarial vén de dar un paso adiante nas súas prácticas atentatorias contra a actividade e o emprego na Limia, procedendo, sen autorización xudicial, a pechar o forno de fusión da factoría de Xinzo da Limia, anticipando unha situación de peche de feito da empresa e falta de ocupación efectiva dos traballadores e traballadoras que, unicamente, pode determinar a xuíza do concurso, tras o correspondente proceso.

A estas alturas, case nada nos asombra xa. Á permisividade coa que está concibida a Lei Concursal, hai que engadir a laxitude e pasividade de todos os órganos administrativos e concursais, encargados de velar polos intereses dos acredores (e traballadores como acredores). É evidente que se unha empresa desexa cesar a súa actividade e disolverse, ninguén o pode impedir, pero o que non é de recibo é que os xestores de feito da empresa (o Grupo BA Vidrio, S.A.) nos queiran facer a todos e todas parvos e, por riba, pretendan irse de “rositas” sen pagar a quen lle deben diñeiro. Non é preciso para disolver unha empresa que se acuda á vía do concurso; abonda que a Dirección da sociedade adopte os procedementos estatutariamente convidos para facelo. Se se acode ao procedemento concursal, como neste caso, só é porque, ademais de disolverse, a sociedade procura a exención de pagamento aos seus acredores.

Pois ben, tras a presentación da solicitude de concurso, a Vidreira do Atlántico, S.A. formulou, a maiores, unha petición cautelar de paralización do forno de fusión, fundamentada en imputacións contra os traballadores e sindicatos; chegando a acusar aos “piquetes sindicais” de cometer delitos como o de “ocupación das instalacións da fábrica”. Como queira que a xuíz do concurso non autorizou a paralización do forno de fusión, os representantes da V.A., S.A. volveron realizar a mesma solicitude en data 16/12/09 e, á data actual, sen terse pronunciado a xuíza e, claramente, contra o disposto na Lei Concursal que determina que a actividade debe continuar durante a substanciación do proceso; tómase a determinación de deter a produción, paralizando o forno de fusión; o que, sen dúbida, implica a liquidación anticipada da fábrica, antes de que o decida un xuíz.

Denuncias contra as ameazas de peche

Dende a CIG vímolo advertindo dende primeiros do ano 2009, mesmo chegamos a denunciar aos Directivos do Grupo BA, Vidrio, S.A., en xaneiro 2009, na Fiscalía de Ourense, para que se investigase se as ameazas de peche da empresa en plena folga, podían constituír algún tipo delitivo..A resposta da Fiscalía foi que non ollaban ningunha acción irregular.

Tamén en Xaneiro do 2009 demandamos no Xulgado Social de Ourense á V.A., S.A. polo que  entendemos que supuña un claro atentado contra a actividade, a suprimir mais de 250 horas extras por traballador e ano, sen substituílas polos contratos equivalentes. O xulgador non deu relevancia á demanda sindical.

En Febreiro do 2009 denunciamos o desmantelamento do Departamento Comercial da V.A., S.A. e o seu traslado para a sede da BA en León; provocando unha dependencia absoluta da empresa de Xinzo do Grupo BA Vidrio....A Xunta de Galiza nin se molestou en incoar unha investigación.

En Xullo do 2009 requirimos a intervención do Delegado Territorial da Xunta de Galiza, pola paralización unilateral da liña 13 de produción, advertindo que se trataba dun peche patronal agochado e que constituía un paso mais na estratexia de traslado da produción á León. O sr. Rogelio Martínez contounos que o ía a estudar e, hoxe por hoxe, aínda debe estar na primeira páxina do libro.

Tamén en Xullo do 2009 intentouse desmantelar o taller de moldes, sen conseguilo nesta ocasión.

Mesmo os días 23 e 24 de Novembro do 2009 ollámonos na obriga de denunciar perante a Inspección de Traballo, a Subdelegación do Goberno e a Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta de Galiza o lamentábel estado dos medios de produción da fábrica e a deixamento empresarial encamiñada a forzar a paralización do forno de fusión por falta de material, como veñen de facer.

Hoxe, día 28 de Decembro do 2009, como se dunha inocentada se tratara, o Director Xerente da V.A., S.A., comunicou aos traballadores/as, sen autorización xudicial, que unha brigada de 12 traballadores/as do Grupo BA ían paralizar o forno de fusión. E isto, co seguinte panorama xudicial:

a)    Pendente de resolver a solicitude de paralización realizada á xuíza pola dirección da Vidreira.

b)    Pendente de substanciar o Recurso de Apelación interposto contra o Concurso polos Traballadores.

c)    Pendente de resolver as medidas cautelares requiridas polos traballadores/as, para o aseguramento da actividade na fábrica, mentres se substancia o concurso.

Tal e como no seu día sinalamos ao Fiscal da provincia de Ourense (Xaneiro 2009), a inacción da administración de xustiza produce que os resultados acaben chegando inexorabelmente e, estes, nunca son para axudar aos máis desfavorecidos.

Accións contra a decisión da Vidreira

Evidentemente, os traballadores/as, ademais de todo o que xa temos rexistrado nos Xulgados, presentaremos demanda laboral por falta de traballo (ocupación efectiva); formularemos denuncia penal por esta acción do Grupo BA Vidrio, S.A., dirixida a pechar a instalación de Xinzo da Limia, antes de que a xuíza o determine; poremos en coñecemento da xuíza mercantil a responsabilidade dos administradores da sociedade por estarmos, non só diante dun concurso fraudulento, senón tamén diante dun concurso culpábel; recusaremos aos administradores concursais nomeados, dada a súa inexplicábel pasividade perante estes feitos.

Como é posíbel que un Grupo (B.A. Vidrio, S.A.) que comercializa todos os produtos, compra todos os materiais, vende todas as producións e, mesmo, financia á empresa Vidreira do Atlántico, S.A., non sexa responsábel das accións da sociedade concursada que, practicamente, ten escravizada?.

Trátase dun defraudamento de lei que require un inmediato pronunciamento daqueles que prometeron o reflotamento da empresa se gañaban as eleccións (o Partido Popular), posto que mentres o Grupo BA Vidrio S.A., contabiliza os beneficios, administrando de feito á empresa de Xinzo, a esta última impútanselle perdas. E o que, por riba, é mais aldraxante é que o Grupo BA Vidrio se presente como acredor da empresa Vidreira do Atlántico, S.A.. Segundo eles, téñenlle prestado á sociedade de Xinzo por riba de 4.000.000 euros que agora pretenden recuperar. Esta é a lei que temos. Como recolle a cantiga, así se faz Portugal uns vao bem e outros mal, nunca mellor dito.

Xunto con este comunicado, enviamos todas as accións interpostas polos traballadores (nos arquivos adxuntos), pendentes de resolución xudicial, entre as que se atopa a solicitude de embargo ao Grupo BA Vidrio, S.A., ao consideralo administrador de feito da V.A., S.A., co obxecto de garantir o pagamento dos salarios dos traballadores/as, así como para atender as vendas das producións que se viñan xerando na factoría limiá e que comercializaba totalmente o Grupo.

En Xinzo da Limia, a 28 de Decembro do 2009

Asdo. Manoel Anxo García Torres

Volver