Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A dirección da Vidreira do Atlántico enfróntase a unha denuncia por vulnerar os dereitos de folga e liberdade sindical

14 Abr 2009

O persoal realizará unha protesta o sábado 18 de abril en León, onde se atopa a sede do Grupo BA

O presidente do Comité de empresa da Vidreira do Atlántico e a secretaria do mesmo terán que acudir a declarar ante a Fiscalía de Ourense como testemuñas dentro do procedemento aberto contra o Presidente da Vidreira, Jorge Alexandre Tavarés Ferreira, o Director de Recursos Humanos, Fernando Amilivia González, e o Director Operativo, Rafael Corzo Pantoja, denunciados xudicialmente pola vulneración dos dereitos de folga e liberdade sindical.

Dende a Unión Local da CIG de Verín criticouse que tras varios intentos e xestións dirixidas a atopar solucións dialogadas aos problemas xerados pola empresa, “a resposta obtida foi a imposición unilateral de medidas á marxe do dereito á negociación colectiva e liberdade sindical, ameaza de peche da empresa e da perda dos postos de traballo”. Neste senso, denunciouse ante a Fiscalía de Ourense que a dirección da Vidreira suspendeu de xeito indefinido a negociación colectiva, tomándose medidas unilaterais “atentatorias contra o dereito á liberdade sindical (supresión do plus de actividade, arredor de 250 euros, á totalidade do cadro de persoal a partires do mes de novembro de 2008)”.

Tamén se puxo en coñecemento da Fiscalía a “represión disciplinaria contra traballadoras/os que tiñan sufrido sinistros laborais, derivados das deficientes condicións de seguridade, debidamente denunciadas polos Delegados de Prevención de Riscos Laborais diante da dirección patronal, a medio de cadanseus informes”. Así como a indebida asignación das categorías profesionais a gran parte de cadro de persoal, non acordes coas labores que desenvolven na práctica.

Na denuncia presentada ante a Fiscalía tamén se recolle que a empresa deixou de abonar máis do 80% das contías correspondentes á mensualidade de decembro de 2008, feito que coincidiu coa primeira convocatoria de folga na fábrica de Xinzo.

Manifestación en León

O Comité de folga comunicou á Sudelegación do Goberno en León a súa intención de levar a cabo unha protesta na Praza da Inmaculada da cidade o vindeiro sábado 18 de abril entre as 17:30 horas e as 19:30 horas. A mobilización foi acordada pola asemblea de traballadores/as da Vidreira de Xinzo, que decidiron trasladarse até a sede do Grupo BA Vidrio, propietaria da fábrica da Limia.

Novos xestos solidarios

O responsábel da CIG en Verín, Anxo García Torres, destacou o novo xesto de solidariedade que o persoal da fábrica vén de recibir. García Torres explicou que os/as participantes da proba automobilística de 4x4 “Rota da Saínza”, celebrada a pasada fin de semana, decidiron colocar cartaces nos seus vehículos nos que se podía ler “este participante apoia aos traballadores da Vidreira do Atlántico”.

Volver