Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A CIG VERÍN PIDE QUE O ACCIDENTE MORTAL DE PRADO SE SUME Á CAUSA PENAL QUE INVESTIGA AS OBRAS DO AVE

22 Out 2018

Solicita as correspondentes responsabilidades penais das administracións pola súa inacción no control das obras públicas

Os servizos xurídicos da CIG Verín interpuxeron denuncia penal pra investigar a morte en accidente laboral do traballador I.B.G., decorrida o pasado día 10 de outubro, solicitando a súa incorporación á causa iniciada polo Xulgado de Instrución nº1 de Verín a instancias da central. Solicita, deste xeito, responsabilidades penais ante o “total desleixo” das Administracións á hora de evitar os sinistros.

A CIG de Verín vén de interpor unha nova denuncia, a segunda pola vía penal, dirixida a que se investiguen os graves sinistros laborais sucedidos nas obras do AVE que se efectúan na provincia de Ourense. Solicita, desta volta, que a morte en accidente do traballador I.B.G, acontecida o pasado 10 de outubro, se integre na causa penal aberta polo Xulgado de Instrución nº1 de Verín a petición da central nacionalista, en fase de dilixencias previas.

Na denuncia pide que se requira toda a información relativa ao accidente mortal de Prado a Protección Civil, Bombeiros/as, Garda Civil, Conselharía de Traballo, ADIF e ás propias empresas para que sexa, no marco desa investigación, onde se depuren as responsabilidades que puideran derivar de tal sinistro, baseándose nos artigos 316, 317 e 318 do Código Penal.

Así mesmo, indica que nas obras do caminho de ferro de alta velocidade que están a executarse nos treitos que decorren polos concellos da Gudinha a Vilar de Barrio a concentración de accidentes de traballo é de grande magnitude, con seis falecementos desde 2013.

Isto revela, segundo a central, un “desleixo absoluto” tanto no cumprimento das normas de seguridade laboral e dereitos dos operarios/as por parte das empresas adxudicatarias das obras e das Administracións Públicas concedentes, como na responsabilidade "in vigilando" da esixencia de tal cumprimento por parte dos órganos gobernamentais de Inspección e seguridade no traballo da Consellaría de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galiza e do Ministerio de Emprego.

Neste mesmo sentido, a CIG desenvolveu protestas o pasado venres 19 no túnel do AVE en Cerdedelo para denunciar publicamente a neglixencia das diferentes Administracións e esixiu a toma urxente de medidas ante a lacra dos accidentes laborais.

Grande concentración de accidentes nas obras do AVE

A causa penal incorpora unha lista da sinistralidade laboral en coñecemento da CIG nese treito das obras do AVE, á que se suma a do pasado día 10. Trátase dos seguintes casos:

  • O 2 de abril do 2013 morre un enxeñeiro de 37 anos atropelado nun dos tuneis do AVE no Concello de Vilar de Barrio.
  • O 17 de xuño do 2014 morre un traballador de 42 anos ao caír dunha pá excavadora nas obras do AVE no treito da Gudiña a Vilariño de Conso.
  • O 5 de agosto do 2014 un incendio no tunel do Corno (no Concello de Vilar de Barrio), producido ao pe dun depósito de detonadores de explosivos, provoca a intoxicación e evacuación de 13 traballadores/as.
  • O 7 de xullo do 2015 a CIG denuncia perante a ITSS de Ourense e a Subdelegación do Goberno en Ourense a realización de xornadas maratonianas por parte dos traballadores/as das obras do AVE, como causa da produción dos accidentes de traballo.
  • O 15 de setembro do 2015 un traballador de 31 anos morre e outro fica ferido grave ao cair dende un canastro de traballo, nas obras do AVE do treito Prado Cerdedelo.
  • O 23 de marzo do 2016 un operario olla amputada a súa mau nas obras do tunel do AVE no treito de Cerdedelo, séndolle reimprantada no Hospital Povisa de Vigo.
  • O 6 de novembro do 2017 un operario de 35 anos morre no interior do tunel do Corno en Laza
  • O 30 de novembro do 2017 un condutor de tractor é ferido grave nas obras do AVE en Laza
  • O 19 de decembro do 2017 6 obreiros son evacuados dun incendio das obras do tunel do AVE en Laza.
  • O 10/10/18 produciuse un novo accidente de traballo nas obras do AVE, na zona do Prado, entre os Concellos de Laza e Vilar de Barrio, causando a morte do traballador I.B.G. cando prestaba servizos como chófer nas citadas obras.

Volver