Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
Reclamación formulada
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A CIG RECLAMA CONTRA A AVALIACIÓN DA PRAZA DE RECEPCIONISTA DO CONCELHO DE VERÍN

04 Dec 2015

Tras a revisión realizada a CIG presenta reclamación pra corrixir diversos erros na baremación

En data 3 de Decembro do 2015, a CIG, ante a recepción de diveras protestas de participantes no proceso seletivo, solicitou a revisión da baremación provisional realizada; efectuándose, tal revisión, o día 4 de Decembro, por parte de dous membros da CIG nas instalacións do proprio Concelho.

Consonte coa revisión efectuada, puidemos detectar a comisión de dous erros graves na avaliación dos apartados: experiencia profesional e méritos académicos, derivados dumha incorrecta interpretación das Bases reguladoras do réxime de contratación do persoal laboral do Concelho de Verín (BOP Nº 292 do 21 de Decembro do 2004) que alteran substancialmente o resultado do concurso e que, de non arranxarse, o tornarían ilegal.

Os erros aprezados na revisión foron os seguintes:

a) Experiencia profesional:

As Bases de Contratación do Concelho de Verín (BOP Nº 292 do 21 de Decembro do 2004) estabelecen que será puntuábel a seguinte experiencia profesional:

• Por servizos prestados en calquera administración pública na mesma categoría á que se pretende acceder: 0,25 puntos/mes. (Informe de Vida Laboral e copias cotexadas dos contractos de trabalho).

• Por cada mes de servizos prestados nas empresas privadas na mesma categoría e referidos aos últimos 5 anos: 0,05 puntos/mes. (Informe de Vida Laboral e copias cotexadas dos contractos de trabalho).

En nengún caso, as bases permiten que se poida puntuar a experiencia profesional en postos/categorías semelhantes ou análogos ao convocado, senón na mesma categoría á que se pretende acceder. Porén, no caso que nos ocupa, outorgouse puntuación, a varias aspirantes (concretamente á que figura no nº 1 da lista provisional de baremación), pola súa experiencia profesional en postos semelhantes, como o de TELEFONISTA; provocando a alteración da puntuación atribuída aos restantes participantes, así como prexudicando o dereito dos demais a obter o número de posto que realmente lhes corresponde.

Cabe perguntarse porque e quen decidiu que a categoría de TELEFONISTA for semelhante á de RECEPCIONISTA e, por exemplo, a de AUXILIAR ADMINISTRATIVO/A non ? En realidade, as Bases de contratación non permiten facer tais equivalencias, precisamente, pra evitar a comisión de erros como o deste caso e previr arbitrariedades.

b) Méritos académicos:

As Bases de Contratación do Concelho de Verín (BOP Nº 292 do 21 de Decembro do 2004) estabelecen que serán puntuábeis, entre outros, os seguintes méritos académicos:

• Por cada curso de formación ou perfeccionamento realizado con aproveitamento impartido polas Administracións Públicas, universidade, INEM, FUNDACIÓN TRIPARTITA PARA FORMACIÓN ou sindicatos e relacionado coas funcións propias da categoría: (Máximo 3 puntos).

Tras a revisión realizada puidemos observar que se avaliaron cursos de formación (recursos humanos e semelhantes), que pouco ou nada tenhen a ver coas funcións propria da praza de recepcionista convocada. Ise é o caso, por exemplo, da aspirante colocada no número 2 da lista provisional de baremación.

Os erros sinalados non se limitan ás persoas citadas como exemplo, senón que hai diversos participantes que, en función de tais incorreccións, obtiveron pontos en exceso, superando a outros concorrentes con mais dereito a ocupar un posto superior na lista provisional de baremación.

Así as cousas, a UL da CIG de Verín e A Limia ven de formular reclamación fronte á baremación provisional, solicitando ao Concelho de Verín que, proceda, previa anulación de tal baremación provisional, a umha nova e completa avaliación dos méritos e circunstancias alegados polos concorrentes, tendo en conta que non cabe, consonte coas Bases de Contratación, avaliar a experiencia profesional en postos/categorías semelhantes e que os cursos formativos a puntuar son os relacionados coa categoría que se convoca, non outros; co obxecto de que se corrixan as deficiencias apreciadas por medio da publicación da listaxe definitiva de baremación.

Preme debaixo da foto se queres descargar a reclamación formulada

Volver