Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 

A CIG PRESENTA RECURSO ANTE O XULGADO DO CONTENCIOSO E SOLICITA A SUSPENSIÓN CAUTELAR DA ORDE DE PECHAMENTO DO PARIDOIRO DE VERÍN

05 Dec 2019

Foi presentada o pasado 4 de decembro

O pasado día 4 de decembro os servizos xurídicos da CIG presentaron Recurso contencioso Administrativo contra a Orde do 29 de novembro do 2019 do Xerente da EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras de pechamento dos Servizos de Paridoiro e Pediatría de Urxencias do Hospital Público de Verín (na columna esquerda pódese descarregar pdf do recurso e da solicitude de medidas cautelares)

Ademais do recurso contencioso administrativo, a CIG solicitou ao Xulgado a adopción dunha medida cautelar de suspensión da Orde de pechamento do paridoiro de Verín que está a ser tramitada nesta altura (achégase Dilixencia de Ordenación do Xulgado CA núm. 1 de Ourense pola que se deu 5 días ao SERGAS para respostar á solicitude cautelar da CIG)

Os motivos que levaran á nosa central sindical a impugnar a decisión, sinteticamente, son os seguintes:

1.- Porque é clara interpretación esguellada e parcial que realiza a EOXI dunhas recomendacións (non normativas) que aconsellan a “non apertura” de novas maternidades en zonas con posibilidades inferiores a 600 nacimentos ano; esquecendo que tamén propoñen a revisión e “avaliación” das opcións, non o pechamento, das maternidades xa abertas con partos inferiores a 600 ao ano. (ver consideración 8ª do escrito de recurso)

2.- Porque é nidia a incongruencia da motivación da Xerencia da EOXI ao utilizar unha recomendación (600 partos/ano) para xustificar o pechamento do Paridoiro do Hospital Público de Verín e manter abertos os Paridoiros dos 6 Hospitais Comarcais de Galiza restantes que tampouco alcanzan isa cifra (ver consideración 6ª do escrito de recurso)

3.- Porque o "suposto" perigo de perda de destreza dos profesionais sanitarios para atender partos, ao que apela a EOXI para xustificar a supresión de servizo de Paridoiro do Hospital Público de Verín, podería conxurar-se "de existir" sen eliminar o servizo, proporcionando formación aos profesionais ou criando equipas itinerantes (tal e como se viña facendo cos pediatras). (ver consideración 4ª do escrito de recurso)

4.- Porque a EOXI, para agachar a falta de dotación de pediatras do Hospital Público de Verín, (figura imprescindíbel para o funcionamento dun servizo paridoiro) xustificou a decisión de supresión na baixa natalidade da zona e na suposta perda de destreza dos profesionais; cando algúns especialistas nen sequera poderían ter perdido destreza porque non teñen praza en Verín: os pediatras. (ver consideración 2ª do escrito de recurso)

5.- Porque un conflito laboral corporativo, do colectivo de pediatras de Ourense, constitúe o real detonante da decisión que se impugna. A Xerencia da EOXI, logo da xubilación do único pediatra de Verín, atopou-se coa presión de ter 1200 pacientes de pediatría en lista de agarda e para solucionar o problema creado por un “lobby” corporativo, decidiu suprimir un servizo público a toda unha comarca, non cunha base normativa, senón cun “verniz” pseudo-técnico que non se cumprimenta en nengún hospital comarcal de Galiza. (ver consideracións 2ª e 6ª do escrito de recurso)

6.- Porque, nen sequera, dende o punto de vista da forma da acto administrativo, a decisión adoptada ten un pase. Só hai que ver como se comunicou e como se formalizou. Fixo-se pública en todo tipo de medios de comunicación polos “dirixentes” da EOXI, a apelar á necesidade técnica da súa adopción, e, porén, cando se formalizou por escrito en seis liñas, nen se motivou, nen se acompañou de informe técnico nengún. (ver consideracións 3ª e 5ª do escrito de recurso)

7.- Porque se falsearon as isócronas dende o Distrito Sanitario de Verín ao Hospital Universitario de Ourense, situando-as en 43 minutos; cando ise tempo so se cumprimenta en 1 concello dos 11 do Distrito Sanitario de Verín. (ver consideracións 7º e 9ª do escrito de recurso)

8.- Porque a “carteira de servizos” do Hospital Público de Verín recolle, a data actual, as prestacións de Pediatría, Obstetricia, Xinecoloxía e Urxencias e a Lei Galega de Saúde contempla que os Distritos Sanitarios, como o de Verín, deben contar cun Hospital que constitúe o marco de referencia para a coordinación dos dispositivos de atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria. (ver consideración 11ª do escrito de recurso)

 9.- Porque a Lei 12/2013, de 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias dispón o dereito dos pacientes a “libre elección de hospital”. (ver consideración 11ª deste escrito)

10.- Porque os proprios “Protocolos de transporte sanitario” do SERGAS recomendan evitar que a muller grávida paira no transporte a Ourense. (ver consideración 10ª do escrito de recurso)

11.- E o pior de todo, porque a Xerencia da EOXI recoñece que os profesionais do Hospital de Verín van ter que seguer atendendo os partos urxentes que non poidan chegar a Ourense, mais sen pediatra e sen servizo de paridoiro. (ver consideración 5ª do escrito de recurso)

Admitida a trámite a medida cautelar polo Xulgado o SERGAS dispón de 5 días para facer as alegacións que estime oportunas fronte á solicitude da CIG e, logo, o xulgado resolverá sobre se acepta ou non a suspensión da Orde de pechamento do Paridoiro de Verín mentres se substancia o recurso contencioso administrativo interposto.

De aceptar-se a medida cautelar, a Orde de pechamento ficaría suspendida o que implaría que o Paridoiro do Hospital de Verín continuaría aberto, polo menos, até que o Xulgado se pronunciara sobre o recurso contencioso interposto.

De non aceptar-se a medida cautelar, a Orde de pechamento seguiría vixente, á espera de que o Xulgado se pronunciase sobre a legalidade ou non do seu pechamento.

 

Volver