Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A CIG emite un comunicado na Vidreira do Atlántico para chamar a unidade e a acción sindical diante das presións da empresa

02 Nov 2009

Información fronte ás tentativas de manipulación da empresa

A continuación reproducimos o comunicado íntegro polo seu interese, distribuido a partir do venres 30 de outubro dentro desta factoría.

A todos os traballadores e traballadoras da Vidreira do Atlántico S.A, perante as advertencias e presións da empresa: Acción sindical e unidade, que non te amedoñen cos seus golpes de peito.

Ollado o comunicado distribuído entre os traballadores, no día de onte, pola Dirección da Empresa, a CIG quer pór en coñecimento de todos os operários o seguinte:

A empresa imiscúese, mais unha vez, na actividade sindical, determinando que a finalidade da folga era causar dano aos medios produtivos da fábrica, mais, contraditoriamente, concluíndo que a folga se desconvocou polo aprazamento dun xuízo. O mundo ao revés. A técnica do ventilador, tantas veces empregada por Don Amilivia. Se a "malévola" CIG procuraba causar dano aos medios produtivos da fábrica, por qué molesta tanto a desconvocatoria ???. Se a finalidade fora danar á empresa, como se asegura, para qué desconvocar a folga ???. Non parece lóxico que a Dirección se "anoxe" polo feito de que se desista da medida de presión. Preferían que se celebrase a folga ???.

A técnica empresarial non oferece dúbida algunha: a utilización permanente do defradudamento argumental e da manipulación. Para eles un asunto pode ser negro e ao mesmo tempo branco, segundo lles interese. Un exemplo: a comunicación enviada por Don Reinaldo o día 27 de Outubro do 2009 ao Comité de Folga. Afirma o Director da Fábrica perante a convocatoria da folga: "Ustedes conocen la grave situación en que nos encontramos y sin embargo mantiene estas situaciones de protesta que dejan a la sociedad en peor situación si cabe". Pois ben, tan só dous días despois, 29 de Outubro do 2009, Don Amilivia diríxese outravolta ao Comité, sorprendéndose da desconvocatoria de folga e, mesmo, lanzando adevertencias aos traballadores por tal feito. Aclárense amigos. Que é o que lles preocupa: a convocatoria ou a desconvocatoria da folga ????. Non será que lles molesta que os traballadores, non lles pidan permiso para tomar as súas propias decisións e exerzan os seus dereitos ???.

A maiores, non conformes con imiscuirse improcedentemente na actividade sindical e, xa que logo, con atentar contra os direitos dos traballadores e sindicatos; aseguran que a desconvocatoria respondeu a que a folga xa non tiña finalidade, porque se suspenderan dous xuízos de despedimento coincidentes coa celebración da protesta. E se o Sr. Amilivia estiver no certo e a folga se desconvocase pola suspensión duns xuízos (por certo por el suspendidos): cal sería o ilícito que se nos atríbuiría nise caso ???, onde estaría a conduta rexeitábel ???. NON EXISTEN !!!!!.

Dános a impresión de que Don Amilivia descoñece ou fai que descoñece o disposto para estes casos polo Tribunal Constitucional e polo Tribunal Supremo (Tco 11/1981. TS 23-10-89). "Son perfectamente legais as folgas que teñen por obxecto a readmisión dos traballadores despedidos pola empresa".

A realidade de todo isto é que a Dirección da empresa, non soporta que os traballadores/as e a CIG exerzamos os nosos direitos en liberdade e procura restrinxilos por todos os medios. En primeiro lugar, eliminouse o Plus de actividade e modificouse a xornada baixo a técnica do defraudamento de lei. En segundo lugar, impediuse a participación dos membros do Comité de Empresa en Asembleas convocadas pola propria Dirección para rematar coas protestas. A seguer, "expulsouse" aos representantes da centrais sindicais do Comité de Folga, porque non lles interesabamos. Logo violouse a obriga de negociar co Comité de empresa e impediuse a entrada na fábrica dos membros da CIG. E agora, advítese directamente a todos os traballadores con tomar medidas contra eles se voltan convocar folgas.

Para que teñan ben clariño, informamos á Dirección da Vidreira do seguinte:

A) Nen a Vidreira do Atlántico, S.A., nen o Grupo BA, S.A., nen moito menos, Don Amilivia van restrinxir os direitos de nenguén; entre outras razóns, por que a CIG non o vai permitir.

B) A CIG e os traballadores/as convocarán, cando e como o consideren oportuno, as medidas de presión que consideren necesarias, coincidindo ou deixando de coincidir co xuízo do día 13 ou con calqueroutro; por moito golpe no peito que se pegue algún funcionario empresarial, baixo a neboa da selva laboral.

C) A CIG e os traballadores/as acodiremos as manifestacións e concentracións que desexemos, onde e como o desexemos. A próxima, convocarase o día 13 de Novembro, sen dúbida, perante o Pazo de Xustiza de Ourense. Só faltaba que o señor Amilivia viñese a darnos permiso para exercer o direito de manifestación que tanto nos custou conquerir aos cidadáns deste Estado. Con todo, non ha ser a única, porque a seguinte celebrarase durante o Mes de Decembro, nas instalacións centrais do Grupo BA en Leon, para protestar pola situación dos traballadores de Xinzo da Limia.....

D) A CIG recomenda encarecidamente a Don Amilivia e a súa empresa que se detectan algunha conduta reprobábel na acción do sindicato ou dos traballadores/as que acodan sen dilación ao onde queiran: Xulgado, Fiscalía e Inspección de Traballo, do mesmo xeito que faremos nós, de novo, coa comunicación de Don Amilivia.

E) A CIG interporá outra denuncia penal contra o Sr. Amilivia González. Desta volta por considerar que a comunciación do día 29 de Outubro, pode constituir infracción penal de violación dos direitos dos traballadores, de ameazas e coaccións (lembremos que o funcionario xa ten unha querela por inxurías e calumnias tramitándose en dilixencias previas 411/09 do Xulgado de Instrución de Xinzo da Limia).

F) Por último, a CIG formulará as accións xudiciais correspondentes contra Vidreira do Atlántico por tentar restrinxir o direito de folga e liberdade sindical dos operarios e operarias.

Volver