Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A CIG denuncia que o Concello de Xinzo publicita determinadas opcións sindicais entre os empregados/as municipais

15 Xan 2014

A edil de Persoal remitiu unha carta anunciando a celebración de cursos formativos por parte de CCOO

O responsábel da central nacionalista en Verín, Anxo García Torres, explica que o documento repartido este luns pola concelleira de Persoal de Xinzo de Limia entre todos os traballadores/as “acredita unha actitude ben proclive a certas organizacións sindicais, que non son a CIG, así como a realización de labores de propaganda desas opcións”.

Na súa opinión, a edil non pode facer propaganda de ningunha opción sindical xa que, dacordo co principio de liberdade sindical, “debe de permitir que as propias centrais se expresen e publiciten a súa acción no interior do consistorio pola vía do comité de empresa ou das súas seccións sindicais”.

Diante disto, considera “impresentábel” que a concelleira de Persoal, “rachando o principio de neutralidade e inmiscuíndose na acción sindical, impulse, publicite e xestione a actividade dalgúns sindicatos fronte a doutros”.

Neste senso, lembra que tanto a CIG como a CSIF ou a UGT, así como outras organizacións sindicais, imparten cursos de formación “sen necesidade de que a responsábel municipal nolos xestione”.

Finalmente, solicítalle á edil de persoal que se absteña de participar na acción sindical do Concello, “en aras a respectar o dereito á liberdade sindical, deixando que sexan as propias organizacións as que protagonicen a súa actividade co obxectivo de evitar que o ámbito municipal se luxe máis do que xa está”.

Volver