Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A CIG denuncia que o Concello de Xinzo pretende aplicarlle o plan de axuste económico só ao persoal laboral

19 Abr 2012

A central nacionalista reclama que “os esforzos que haxa que facer sexan xustos e equilibrados”

Dende a central nacionalista explican que o Concello de Xinzo é o primeiro do Estado español que pretende desfacerse de parte dos seus traballadores/as aplicando a nova reforma laboral. “Aproveitaron tamén a aprobación do decreto de pago a provedores para reclamarlle financiamento ao Goberno central para este concepto a cambio de introducir unha serie de medidas correctoras encamiñadas a rematar co desequilibrio económico”, indican.

A primeira das propostas pasaría por un ERE extintivo que afectaría a un mínimo de 25 traballadores/as; a segunda sería un ERE de suspensión; a terceira contemplaría unha baixada salarial; e a cuarta consistiría nunha redución da xornada. “Unha vez que mantemos a primeira xuntanza para concretar máis as propostas atopámonos con que desenvolven as dúas últimas: fixan a baixada salarial nun 22% pero só para o persoal laboral ou ben propoñen a redución salarial e de xornada variábel segundo o departamento”. A proposta dos ERE"s non se retira, pero tampouco se concreta.

Para a CIG, a medida que contempla a redución segundo o departamento é ilegal porque vulneraría o principio de igualdade, mentres que a baixada salarial só para o persoal laboral, “aínda que viábel xuridicamente, non nos parece unha opción xusta”. Diante disto, decidiron trasladarlle aos responsábeis municipais unha serie de criterios que ao seu xuízo deberan estar presentes durante as negociacións: a central nacionalista, como sindicato maioritario, ten que ter información detallada de situación económica e laboral; e que os esforzos que se fagan sexan xustos e equilibrados.

Dende a CIG recoñecen que estarían dispostos a aceptar unha pequena baixada dos salarios sempre e cando afecte a todo o cadro de persoal, funcionarios/as e políticos/as incluídos. “Non imos permitir que o persoal laboral pague toda a débeda do Concello, e que aínda por enriba manteñan a subida de impostos prevista”. 

Cos datos na man

Segundo datos do orzamento municipal para 2012, o salario medio dun funcionario ascende a 6.5918 euros ao ano, fronte aos 2.3925 euros ao ano que ingresaría un laboral. Neste senso, a masa salarial do Concello se distribúe do seguinte xeito: un total de 26 funcionarios/as perciben ao ano unha masa salarial de 1.713.000 euros, mentres que 105 laborais perciben ao ano unha masa salarial de 2.512.000 euros. “Isto demostra que o desequilibro é brutal entre os dous colectivos, tendo en conta que 26 traballadores/as se reparten o 39,57% do total dos recursos salariais, fronte a 105 traballadores/as que se reparten o 58,01%”.

Se isto se pon en relación co esforzo que se lle pide no plano de axuste ao persoal laboral (aforrar 5.000.000 de euros en 10 anos) os resultados son aínda máis escandalosos: os 26 traballadores/as funcionarios/as distribuiríanse o 44,75% da masa salarial e 105 traballadores/as laborais distribuiríanse o 52,53%. O salario medio dun funcionario/as ascendería tras o recorte a 65.918 euros ao ano, fronte ao salario medio dun laboral que ascendería a19.163 euros ao ano.

Volver