Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A CIG denuncia a situación do persoal laboral do concello de Viana do Bolo

13 Mai 2008

Concentráronse diante do concello en demanda de diálogo

Desde finais do ano 2006, a CIG de Verín e os traballadores e traballadoras do concello intentaron negociar co grupo de goberno varias materias importantes para o futuro laboral do persoal a introducir no convenio colectivo. 

Segundo explican, nesas negociacións tratábanse tamén de garantir os dereitos dos veciños e veciñas para que, se no seu momento desexaban acceder, en pé de igualdade, a seren contratados polo concello puideran facelo. Para iso, era necesario que se dispuxera dunha relación de postos de traballo, o convenio colectivo e as bases de contratación do persoal do concello. 

Transcorrido este tempo sen poder chegar a acordos co goberno municipal denuncian que o alcalde “non só non deu ningún tipo de importancia a estes asuntos que vimos propondo senón que, por riba, na actualidade está a intentar privatizar servizos entregándollos a empresas, en troques de asumilos directamente, para xerar postos de traballo no concello”, explica Luís Ferreiro Fernández secretario da Unión Local da CIG de Verín. 

Como exemplo sinalan o recente concurso público para a privatización do servizo de defensa contra incendios, “como se os veciños de Viana estivesen sobrados de traballo e non estiveran, aínda moitos, na obriga de ter que ir á procurar a súa vida fóra”, engade Ferreiro. 

Por iso, este martes os traballadores/as protagonizaron un paro de tres horas fronte á casa consistorial, co que se pretende “facernos oír por quen non entende que é preciso dialogar e negociar para arranxar os problemas”.

 

Volver