Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A CIG de Verín convocará ás organizacións sindicais e empresariais da comarca para “analizar a grave situación de crise”

28 Mai 2009

Cualifican de decepcionante o resultado da xuntanza entre o alcalde e o presidente da Xunta

Dende a Unión Local da CIG de Verín subliñaron que tras a publicación dos últimos dados do desemprego (3067 desempregados/as no mes de abril) e logo de comprobar como importantes empresas locais e, mesmo, sectores enteiros botan o peche mes tras mes, “non poden ser máis decepcionantes, propagandísticos e desmotivadores”, os resultados da entrevista entre o alcalde do Concello e o presidente da Xunta.

Critican que as declaracións realizadas polo rexedor local, a respecto do “adiamento e marcha do seu amigo goberno” en temas vitais para a zona, “non é máis que un conxunto de escusas” para non ter que presentar diante da sociedade “o fracaso da xestión municipal, en materia de industria, emprego e construción” que, continúan, “seguirán a pagar todos os traballadores/as, desempregado/as e, mesmo, empresarios/as verineses”.

Comportamento “demagóxico”

Anxo García Torres, responsábel da CIG-Verín, apunta que o alcalde debería ter comprometido e “mesmo forzado” ao presidente da Xunta a acelerar os prazos para a viabilización da obra do polígono de Támagos e dos proxectos prometidos para a comarca, e non comportarse “demagóxica e teatralmente, como se aínda estivera na oposición, botándolle a culpa ao anterior goberno”, pois “hoxe o goberno da Xunta é da mesmo cor política que o do Concello”.

Torres tamén se pregunta porque o alcalde non exixiu a Núñez Feijoo a realización dunha modificación orzamentaria urxente que incluíra a partida destinada a esas obras.

Exixir prazos e datas

Dende a UL da CIG de Verín considera que agora importa é exixir prazos e datas para a posta en marcha do Polígono de Támagos, e mesmo, requirir a creación dun plano especial de fomento da actividade industrial e do emprego para a comarca de Monterrei. “A corrección dos desequilibrios territoriais (costa-interior) que tan “cordialmente” vende o señor Núñez Feijoo, tiña que ter servido ao Alcalde de Verín, para obter do Presidente medidas reais, prazos tanxíbeis e planos de investimento para a zona”.

Por todo o anterior, a CIG convocará, “en breve”, ás organizacións empresariais e sindicais da comarca para a analizar “a situación da grave crise que padecemos, sen descartar a presentación de accións de protesta contra a marxinación económica e de servizos e a inanición política que padece Monterrei historicamente. Agardemos que todas as organizacións de Verín saiban estar a altura das circunstancias e deixen a un lado partidismos, póndose ao servizo da cidadanía e do desenvolvemento da nosa zona”, sinala García Torres.

Volver