Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A CIG de Verín anuncia mobilizacións se o alcalde non retoma a negociación dos convenios do persoal municipal

15 Xan 2009

O Concello tamén adebeda atrasos salariais a unha parte dos traballadores/as

Os traballadores e traballadoras do Concello de Verín amosaron o seu desgusto pola “ralentización inxustificada que está padecendo a negociación dun novo convenio, tanto do persoal laboral como do persoal funcionario. Anxo García Torres, da Unión Local da CIG, explicou que levan máis dun ano tentando estabelecer unha negociación seria e xusta nos Convenios Colectivos, pero que a actitude mantida por parte do alcalde é a de dilatar o proceso indefinidamente.

Cansos de agardar, dende a CIG de Verín, advertiron ao alcalde que se no prazo dunha semana non convoca as Mesas Xerais da Negociación de Funcionarios/as e Laborais, reunirá a Asemblea Xeral de traballadores/as na que pactarán un calendario de mobilizacións. García Torres afirmou que “os traballadores e traballadoras están vendo mes tras mes como se perden os dereitos que deberían ter recoñecidos de terse renovado en tempo e forma as súas normativas reguladoras”.

De igual xeito, a Unión Local da CIG de Verín recorrerá á vía xudicial para denunciar a discriminación na que se atopa o Persoal Laboral da institución no que atinxe aos salarios base, así como a débeda por horas extras e nocturnas que o Concello mantén coa Policía Local.

“Cunhas eleccións á volta de esquina, que non pense o sr. Alcalde que vai librarse desta volta, dilatando máis unha vez o asunto para logo contarnos a milonga de que durante dos períodos electorais el non negocia convenios”, afirmou Anxo García.

Diferencias no salario base

A falla dos novos convenios, os anteriores venceron en decembro de 2007, está a provocar que os traballadores/as laborais do Concello continúen padecendo o problema da discriminación que supón cobrar distintos salarios base, aínda estando encadrados na mesma categoría profesional.

No que se refire ao persoal funcionario, concretamente no caso da policía local, o Concello adebédalles atrasos salariais por horas extras do verán pasado. Tampouco se está dando cumprimento á Lei de Coordinación da Policía local, unha cuestión de importancia para este colectivo.

A CIG-Verín tamén avisou ao alcalde que “de seguir nesta actitude antisindical, vaia pensando en buscar socios noutras organizacións sindicais para aprobar os orzamentos do ano 2009, en materia de persoal, porque coa CIG non ha contar”.

Volver