Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A CIG-Banca inicia un calendario de mobilizacións contra un novo caso de represión sindical en Banesto

28 Set 2011

A central nacionalista realizou unha concentración de protesta diante da oficina de Verín para denunciar un despedimento inxustificado

Banesto despediu a un traballador en base ao testemuño da súa superiora, a directora da oficina de Verín, “alegando que colleu 10 euros da caixa para tomar café e que non os devolveu”. Dende a CIG sosteñen que se trata dunha acusación absurda que busca agochar un novo caso de represión sindical na entidade crediticia,” cando aínda está recente a sentenza do TSXG que obrigou a empresa a repoñer no seu posto a un delegado da CIG trasladado por ter defendido a un traballador inxustamente despedido”.

Malia a sentenza positiva para Xosé Manuel Requeixo, explican dende a federación de Banca, a empresa continúa cun acoso e persecución sindical case diario (desconto nas nóminas por acudir a un xuízo, impago dos gastos xerados polo traslado ilegal, etc).

Lembran que o malestar do persoal de Banesto é evidente ante a política de despedimentos, traslados e presións diarias. “Foi por iso que o afiliado da CIG decidiu organizar unha cea do persoal para falar da situación laboral, algo que a dirección da entidade non está disposta a consentir, polo que despediu ao traballador”.

Deste xeito, a CIG iniciou un proceso de mobilizacións, cunha primeira concentración diante da oficina de Verín na que estaba destinado o traballador, “e na que está a directora que acusou ao compañeiro de ter collido dez euros”. Finalmente, anuncian que nos vindeiros días convocarán unha nova protesta e que o conflito con Banesto continuará “ata conseguir a readmisión do traballador inxustamente despedido”.

Volver