Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 
PARTILHAR
Telegram WhatsApp

A asemblea de traballadores/as da Vidreira rexeita a proposta da empresa ao considerar que non achega melloras

02 Xul 2009

No marco das negociacións promovidas polo Consello Galego de Relacións Laborais

O mércores 1 de xullo tiña lugar a primeira xuntanza, dentro do marco promovido polo Consello Galego de Relacións Laborais, entre a dirección da Vidreira do Atlántico e os representantes dos traballadores/as, co obxecto de retomar unha vía de diálogo que contribuíse a desbloquear o conflito aberto.

Na reunión, a dirección da fábrica presentou unha oferta á parte social, que finalmente foi rexeitada pola asemblea xeral de traballadores/as, ao entender que non achega melloras ás condicións actuais nin soluciona axeitadamente os problemas dos que nace o conflito aberto.

Segundo informou o responsábel da CIG-Verín e voceiro do Comité de Folga, Anxo García Torres, a asemblea emitiu as seguintes consideracións a respecto da proposta empresarial:

1º.- No que atinxe a asinar unha acta de remate das negociacións iniciadas para aprobar un convenio proprio; a oferta, simplemente, constitúe un “caneo retórico” da dirección, que non achega nada á solución do conflito. Os traballadores/as, na actualidade, non existindo acordo para a subscrición dun convenio de empresa, xa están abeirados polo Convenio Colectivo Estatal da Industria do Vidro.

2º.- A respecto da implantación dun sistema de 5 quendas rotativas e a creación dunha 5ª quenda de traballo, está aceptado por todas as partes dende novembro do 2008, polo que por parte do persoal non se entende cal é o motivo que impide á dirección da empresa pór en marcha esta 5ª quenda de traballo; “a non ser que se procure levar á practica unha política de “non comer nin deixar comer””.

Cuestión que os traballadores/as entenden que sería un erro porque a 5ª quenda de traballo interesa aos operarios/as, mais tamén á empresa, para evitar o permanente caos organizativo no que se move.

3º.- Ao redor do cumprimento do Convenio Estatal do Vidro nas categorías profesionais, a proposta non constitúe ningunha oferta negociadora, senón, mais ben, o recoñecemento de que a empresa está a incumprir a devandita norma. “Como se pode ofrecer, para desbloquear un conflito, o cumprimento dunha lei? A lei débese cumprir, non negociar o seu cumprimento”, afírmase dende o Comité.

4º.- A consolidación, por valor dun 26%, do plus de actividade, é a única achega que, de facto, fai a dirección; mais por parte da asemblea de traballadores/as aclárase que é a mesma proposta que fixo a empresa hai mais de 5 meses e que, non pode ser aceptada polo persoal, posto que representa recuperar 50 euros/mes dos 300 euros suprimidos en novembro de 2008 unilateralmente.

Así as cousas, a Asemblea Xeral de Traballadores/as, decidiu, tras a correspondente votación rexeitar a oferta da empresa e, invitala a continuar un proceso de diálogo dirixido a desbloquear a situación.

Continuar co conflito colectivo na procura de solucións

Asemade, tamén, se tomaron os seguintes acordos, mentres non se reinicie o proceso negociador:

1º.- Continuar co conflito colectivo, por todas a vías que están abertas: sindical, xudicial e negociadora.

2º.- Dar “unha última oportunidade” á dirección da Vidreira para que informe ao Comité de Folga sobre as razóns técnicas que, agora, permiten manter pechadas dúas liñas de produción (das tres que existen), fronte a prohibición de paralización de produción, fixada polo procedemento da propria patronal para casos de absentismo prolongado.

3º.- No caso de manterse o silenzo empresarial ao redor da anterior cuestión, suspenderase a folga convocada, por causa de forza maior e, volverase a propor no momento no que non exista risco para a seguranza dos bens e das persoas.

Denuncias polo referendo ilegal e a suplantación do Comité

Noutra orde de cousas, a Asemblea Xeral, aprobou, con 80 votos a favor e ningún en contra, dar inicio a un proceso de revogamento do Delegado de CCOO, Camilo Barge Ramos, e da Delegada da CSIF, Rosa Díaz Ramos. A decisión fundaméntase na promoción dun referendo, o pasado 25 de xuño, convocado de costas ao conxunto dos traballadores e traballadoras, suplantando as competencias dos representantes legais dos mesmos, a formulación de “denuncias falsas” contra as persoas que exencen o seu dereito á folga e o “desprezo e contravención permanente dos acordos” adoptados polo Comité de Empresa para atopar unha saída ao conflito.

En base a tal acordo e fundamentos, enviarase á Delegación Territorial da Xunta de Galiza en Ourense (Área de Traballo) o escrito asinado por máis de 80 traballadores/as, no que se solicita a convocatoria dunha asemblea revogatoria de ambos delegados/as. Ademais, o Comité de Empresa, informou a Asemblea Xeral de Traballadores/as da formulación de accións legais e da presentación de denuncia á Inspección de Traballo contra o Sindicato FITEQA-CCOO, contra o delegado de CCOO e a delegada da CSIF, así como contra a Vidreira do Atlántico, S.A., con apoio en diversos incumprimentos laborais, a respecto da convocatoria dun referendo ilegal e da suplantación da personalidade do Comité de Empresa.

A asemblea de Traballadores/as, avaliou que, por parte dos denunciados, se tiña excedido con moito, o dereito á liberdade sindical e á pluralidade democrática, dado que, “unha cousa é opinar diferente (perfectamente lexítima) e outra moi distinta é incumprir retirada e permanentemente as decisións da maioría”, sinalan dende o Comité.

Resposta ás acusacións realizadas por CCOO

Á vista do comunicado de prensa publicado nos medios de comunicación en relación coas acusacións realizadas por CCOO, contra membros do Comité de Empresa e a CIG, o responsábel da CIG-Verín e voceiro do Comité de Folga, realizou á seguinte valoración:

“Os amigos de CCOO seguen ao seu, a favorecer a división e a que a Dirección da empresa remate por saírse coa súa. No canto de preocuparse polos problemas dos traballadores/as e pola actitude da empresa, demostrada onte na mediación, están mais interesados en crear fractura e, agora, ameazan con denunciar aos delegados do Comité e da CIG. Pois ben, eles saberán o que teñen que facer.

A nosa opinión é que se pola vía de ir contra os traballadores/as alguén pensa que se vai facer un espazo sindical, está moi equivocado. En realidade, o que semella é que CCOO, non asume a derrota que significou ter fracasado estrepitosamente na promoción dun referendo ilegal, e non conforme con tentar rachar a unidade e axeonllarse diante da Dirección de BA continúa a cumprir co labor principal para o que a dirección da BA a quere: ser un obstáculo no camiño dos traballadores e traballadoras.

Dende o Comité de Folga, non temos moito tempo para dedicarnos a este xogo de distracción, porque debemos solucionar un conflito sindical. Mais, o que tamén é certo, é que ao sindicato CCOO asísteo o dereito para demandar ou denunciar a quen considere; chámase dereito á tutela xudicial efectiva (artigo 24 da Constitución). O malo é que aos demais tamén nos asiste o mesmo dereito.

Sinceramente, dende o Comité, pensamos que, en troques de difamar, inxuriar e calumniar á maioría dos traballadores/as, CCOO debería preocuparse máis de que o único delegado de persoal que, polo de agora, mantén, cumpra coas súas obrigas e acuda a prestar os servizos mínimos para os que foi designado”.

Novas relacionadas

Volver