Verín:
988 412 345 988 411 013  | 
Xinzo:
988 462 583 988 462 824  | 

Afiliación

a) Pra qué afiliarte á CIG ?

O capital está a aproveitar a crise económica para levar adiante un talho brutal dos nosos dereitos, dos nosos salarios, das nosas condicións laborais e da nosa calidade de vida, ao tempo que acrescenta os seus beneficios.

Durante os últimos anos medraron aínda máis as desigualdades sociais, enriquecéndose umha minoría a custa do empobrecerse as clases populares. Os salarios pasaron de representar o 47% no Produto Interior Bruto, no ano 2008, a representar o 42,7%, no 2013, mentres que os beneficios empresariais, neste mesmo período, pasaron do 44,8% a representar o 47,7%.

As sucesivas reformas laborais, promovidas polos gobernos espanhois do PSOE e do PP, foron feitas para favorecer o despedimento e rebaixar salarios. Hoxe ás empresas resúltalhes máis barato e máis doado despedir aos seus trabalhadores e trabalhadoras, así como incumprir o pactado nos convenios colectivos, rebaixando salarios e precarizando as condicións laborais.

Todas estas contrarreformas laborais, onda enorme destrución de emprego (en Galiza preto de 300.000 persoas desempregadas), debilítannos como clase trabalhadora, reducen a nosa capacidade reivindicativa e como consecuencia disto perdemos dereitos e calidade de vida.

Ao tempo, os gobernos liberais imponhen un ratalhamento brutal no gasto social, privatizando os servizos públicos, dificultando o acceso ás pensións, obrigando ao repagamento dos medicamentos, reducindo as prestacións por desemprego ....... Todo, en prexuízo da calidade de vida das clases trabalhadoras.

Fronte aos ataques do capital temos que reaxer e defender os nosos dereitos e o noso futuro. Para iso é preciso organizármonos e loitar, afortalando aos sindicatos.

Por iso, animámoste a afiliares á CIG; umha central sindical que ten demostrado a súa firmeza e coherencia na defensa dos intereses da clase trabalhadora galega, dende umha postura de enfrontamento co poder, de non integración no sistema, de crítica e rexeitamento ao sindicalismo pactista, de garantía de independencia económica e de compromiso na defensa dos dereitos nacionais de Galiza.

Pra apoiar a nosa acción sindical e defender os intereses da clase trabalhadora, temos estabelecido un conxunto de servizos e mecanismos que podemos resumir nos seguintes:

  • Servizo de información económica e laboral
  • Servizo de asesoría Xurídica
  • Servizo de denuncias contra abusos patronais e sociais
  • Servizo de orientación pro emprego
  • Servizo de formación pro emprego
  • Servizo de asesoramento e cumprimentación da declaración da renda
  • Programa de descontos pra afiliados e afiliadas da CIG
  • Caixa de resistencia
  • Programa de axuda alimentar pra afiliados e afiliadas da CIG


DEFENDE OS TEUS DEREITOS E A TÚA DIGNIDADE
FRONTE AOS ATAQUES DO CAPITAL, ORGANÍZATE E LOITA CONNOSCO

 

b) A canto ascende a cota sindical que debes pagar ?
Tipo Cota 2022 Nível de ingresos Importe Mensual Importe Trimestre Importe Anual
Cota Ordinaria Ingresos iguais ou superiores a 1.718,00 euros mensuais con rateo de pagas 13,20 € 39,60 € 158,40 €
Cota Especial Ingresos iguais ou superiores a 860,00 euros mensuais con rateo de pagas 11,80 € 35,40 € 141,60 €
Cota Reducida Ingresos inferiores a 860,00 euros mensuais con rateo de pagas. 6,15 € 18,45 € 73,80 €

 

MODIFICACIÓN DO TIPO DE COTA SINDICAL:

Os/as afiliados/as que deban modificar a súa cota sindical, por baixar ou subir os seus ingresos, teñen que xustificar documentalmente tais variacións no momento no que soliciten o cambio de tipo de cota sindical.

c) Ficha de afiliación

Se queres aderer-te á CIG debes cumprimentar e asinar os seguintes formularios: - Ficha de afiliación e Anexo á ficha de afiliación.

Umha vez cumprimentados e asinados has facer o seguinte:

a) Enviar-no-los escaneados a cor, por correo-e, a: verin@galizacig.gal

b) Descarregar os formularios, imprimi-los, asina-los e achega-los a calquera local da CIG (Xinzo ou Verín).

___________________________________________________________________

Fichas pra trabalhadores/as e desempregados/as